Opinión

Sálvese quen poida

AS NORMAS son as normas e están para cumprilas. Esta evidencia permitiu que as sociedades prosperasen desde tempos remotos. Isto sempre é así? Pois non. Por exemplo, en España as mulleres non puideron votar ata 1931, porque as leis anteriores prohibíano. Conviremos en que aquelas normas eran inxustas, pero derramouse sangue tanto para preservalas como para modificalas. É a nosa Constitución unha norma intocable? Pois non. Por exemplo, Felipe VI reina en España cando a que tería que ocupar o trono é a súa irmá Elena. A lei impediullo. Conviremos tamén en que isto é inaceptable e habería que modificala. A cuestión é: hai que emendar a Constitución para que Cataluña encaixe dentro do reino? Talvez o 1-O vísemos un espellismo, porque o independentismo anotouse o 1-0 tras as cargas policiais. Pero todos os seguintes tantos foron para o Goberno: o referendo zarapalleiro, o discurso do Rei, a resposta da Unión Europea, a fuxida de empresas (especialmente da banca catalá, o que marcou en boa medida o devir do choque), as manifestacións... Agora mesmo o independentismo perde por goleada e o partido aínda non rematou. Xa que logo, se vostedes fosen o Goberno... aceptarían unha mediación? Sentarían a negociar algo cos secesionistas? Estarían dispostos a modificar a Constitución para favorecer a Cataluña á conta doutras comunidades (que dirían diso Galicia ou Estremadura, por exemplo)? Daríanlle aínda máis autogoberno como premio á súa rebeldía? Pois non, claro. Deixando ao carón os sentimentos, ilusións e soños de cada un e aplicando o pragmatismo: sen exército, sen o amparo das leis, sen o apoio internacional, sen bancos, cunha débeda de 75.000 millóns... A día de hoxe xa ninguén cre na república catalá e toca o «sálvese quen poida». Ao tempo.

Comentarios