Opinión

Prestixio, poder e cartos

HAI UNS meses, a dona dun pazo de Gipuzkoa decidiu contratar a un historiador para que lle dixitalizase o arquivo familiar que tiña centos de anos. O elixido foi Borja Aguinagalde, o director do arquivo Histórico de Euskadi, un profesional contrastado neste mundo.

No medio do proceso, Aguinagalde atopa un documento único no que descubre que Juan sebastián Elcano era un tipo atrevido, algo arrogante e con ganas de que o mundo o recordara para sempre. Atopou, en definitiva, a resposta do Rei Carlos I ás peticións de Elcano, un chavalote de 26 anos, despois de que demostrara empiricamente que a terra era redonda e que se podía rodear navegando.

Como pasaba naqueles tempos, a maioría dos descubrimentos foron por casualidade. A expedición iniciouna Magallanes, que morreu durante o traxecto, e Elcano, por circunstancias do momento, decidiu volver a España por unha ruta diferente á habitual. Así foi como se conseguiu darlle a volta ao planeta. Ata aí, Elcano foi un aventureiro heroico.

Sen embargo, Juan Sebastián decidiu explicarlle ao rei que era un tipo importante. Escribiulle unha carta na que lle pedía recoñecemento público, a través do hábito de cabaleiro de santiago, algo destinado exclusivamente aos máis grandes. Tamén lle pedía poder, a través Capitanía Maior da Armada, algo reservado aos mariños con moita experiencia, talante e sabedoría. E por último, solicitáballe cartos, a través dunha pensión vitalicia de 500 ducados de ouro anuais, unha verdadeira fortuna da época. O xefe do Estado díxolle a todo que non, agás á pensión, que nunca lle chegou a pagar.

Elcano non se andaba con chiquitas. El era perfectamente consciente do triunfo que lograra e sabía os beneficios económicos que ía obter o país despois de descubrir que había outro xeito de tratar co mundo. Por iso, non dubida en solicitar as tres cousas que transforman a calquera ser humano: prestixio, poder e cartos.

Ese é o triángulo máxico que permite satisfacer a un humano ambicioso e a clave está en manter o equilibrio entre os tres vértices. De nada vale ter prestixio sen poder e cartos, pero tampouco son interesantes os cartos se non se poden "lucir".

Algo parecido lle pasa aos líderes que defenden a independencia a toda costa e pola vía de urxencia. Buscan prestixio, a través dunha metáfora que pretende vestir de democrático algo que non o parece; buscan poder, a través da presión social que exercen os miles de seguidores que ten a causa nas rúas; e por último, buscan os cartos que precisan para acometer o acto de separación primeiro, e o sustento da república despois.

O problema, é que tal e como están as cousas, ao movemento independentista radical catalán vaille pasar coma Elcano: busca as tres fabas máxicas e non vai atopar ningunha. Nin prestixio, porque ninguén máis alá de Fraga e dos Perineos llo dá. Nin poder, porque non son capaces de conseguir máis potencia que a que lles dá a presión popular de miles de persoas, que antes ou despois van desaparecer ou incluso volverse contra eles. Nin cartos, porque xa se encarga o goberno central de controlar cada un dos euros que teñen. O único que quedará, será o fito histórico que aparecerá en todos os libros de texto.

Comentarios