Opinión

Os novos viquingos

DEIXÓ Á parte os roubos perpetrados por internet e os abusos -roubos á fin- de certa banca, de certas empresas de telefonía e de certas eléctricas. Noten que insisto no indefinido 'certas' para non ser inxusta e, ademais, para curarme en saúde e non ser demandada por ninguén, aínda que se poderían achegar probas. Déixoas á parte porque ao que me quero referir é ao novo rostro das que outrora foron invasións viquingas, sarracenas ou piratas.

A verdade é que o medo a sermos espoliados é unha constante ao longo da historia. Con miras a se asentar nun territorio, ou simplemente coa intención de desposuílo dos seus bens e sementar o terror como quen asina así a súa fazaña, facían eles as súas incursións. En todo caso, os botíns de guerra tamén se consideraron lexítimos e, con ese nome ou sen el, se se me permite o pleonasmo porque todas as guerras son infaustas, na infausta guerra do 36 existiron. E non sempre en terreo de batalla. Alguén da Peroxa me contou -non sei o que hai de certo- que un falanxista presumía coa chaqueta de coiro de Blanco Torres, despois de que o pasearan en Entrimo. Aínda, na parte do corazón, o furado da bala.

Son moitas as persoas que, regresando á casa tras unha ausencia máis ou menos longa, se atopan cunha desfeita


Baixo o pseudónimo de Álvaro Labrada, publicou Cunqueiro a haxiografía de San Gonzalo. Foi un bispo da diocese de Mondoñedo con sé en San Martiño do mesmo nome, a primeira catedral galega, perto de Foz, onde de conserva o seu sepulcro. Mestura o autor a tradición coa súa imaxinación desbordante e non é doado distinguir unha da outra. Gonzalo, bispo entre 1070 e 1108, foi canonizado polo pobo, por milagres como o de guindar unha zapatilla e facer abrollar unha fonte, a chamada Fonte da Zapata, ou afundir toda a frota normanda que ameazaba as poboacións da costa. Seica con cada avemaría e xenuflexión afundía un barco. "Se non è vero è ben trovato".

Mais unha non considera moi cristián iso de matar xente a por de avemarías, como tampouco pode acreditar nun Santiago, xinete en cabalo branco, cortando cabezas de mouros, como contan da lendaria batalla de Clavijo.

Os novos viquingos non veñen do norte, mais a maioría son transfronteirizos e tamén fan incursións e foxen. Non chegan en barcos, senón en potentes vehículos, dotados de alta tecnoloxía para abriren as portas.

Son moitas as persoas que, regresando á casa tras unha ausencia máis ou menos longa, se atopan coa desfeita. As novas medidas de seguridade duran o tempo que eles tarden en descubrir o xeito de desactivalas.

"Xa non están en España, non temos nada que facer", foi a resposta que lle deu a policía a un meu amigo de Cartagena. Así que a historia continúa.


Comentarios