Opinión

Un espazo único

POUCAS VECES un espazo se converte en tan necesario para unha cidade como o Pazo da Cultura de Pontevedra. Pensar na Pontevedra de hoxe sen esta instalación sería impensábel polas achegas que ofrece á cidadanía. A súa triple acción como sala de espectáculos, espazo de exposicións e recinto feiral (no espazo anexo), dende o punto de vista económico, ofrece unhas posibilidades que son moi difíciles de atopar noutros complexos da cidade. A súa creación lévanos a pensar naquela iniciativa nunha Pontevedra que subsistía a duras penas co Teatro Principal. A súa apertura no só ampliou o horizonte físico da cidade, e ademais dende unha arquitectura de calidade, senón que tamén o abriu, sobre todo no ámbito da cultura. Concertos, teatro, exposicións... foron enchendo pouco a pouco este recinto dunha vida que nunca debería deixar de medrar. Poucas dimensións son máis beneficiosas para unha sociedade que as que xorden da cultura. Iniciativas como o Salón do Libro, o Culturgal, os ciclos de teatro e concertos, ou as bienais, que tanto botamos en falta, supuxeron e supoñen un respiradoiro incomparábel para a sociedade e un dos elementos cos que potenciar unha historia local fortemente vencellada ao eido cultural. Vinte anos despois os recordos e lembranzas deixan sempre unha faciana de ledicia nun público que non esquecerá aquel concerto, ou aquela obra de teatro, ou aquela edición do Salón do Libro, ou aquilo que se viviu entre as pizarras verdes, pero con vinte anos ao lombo, máis que de mirar cara atrás, ten que ser o momento de mirar cara os vinte anos seguintes. O Pazo non debe deixar de medrar nas súas arelas, debe seguir envorcándose sobre a cidade por riba dese río cuxas orelas unen sempre máis que afastan. Ter a dez minutos camiñando dende a Peregrina un recinto como este é un luxo para calquera cidade e nos tempos que vivimos, e por moito que falemos do bonito da cultura, o tema dependerá sempre do investimento, do público e do privado, do compromiso cunha actividade imprescindíbel para todos, como ese espazo que cumpre vinte anos.

Comentarios