Opinión

Solución: Un novo proceso constituínte...

HAI AGORA tres anos que nestas mesmas páxinas de Diario de Pontevedra falaba na miña columna de opinión semanal da necesidade de emprender, sin complexos, un novo proceso constituínte que recollera un novo marco de relación para os españois e os territorios que conforman o estado que opera no contexto internacional baixo o nome de Reino de España.

Referíame naquel artigo do concepto tan manido nestes últimos días como é o dereito a decidir e quen ten dereito a decidir? Esta son preguntas tan vellas como o propio mundo ou incluso o debate sobre a propia existencia de Deus e o principio do libre albedrio, segundo o cal o ser humán se diferencia do animal porque ten capacidade para "obrar por reflexión e elección".

Comentaba eu que xa nos tempos da Grecia Clásica, os distintos filósofos debatían sobre quen tiña esa capacidade para poder decidir os designios da polis reducindo a un grupo selecto esa facultade de reflexión e elección sobre os asuntos da "res-pública". Os primeiros rifi-rafes sobre a necesidade de deixar en mans dos máis capacitados, dos sabios, dos filósofos, daquelas persoas con maiores capacidades para obrar o poder da decisión xusta e equilibrada marcaron gran parte do debate político do momento. Xa Aristóteles e o propio Platón teorizaron sobre o binomio antagónico protagonizado polo elitismo versus igualitarismo/populismo ou pluralismo como xeito de escapar dos demagogos e das perversións da democracia lexitimada polo voto emitido por un determinado corpo electoral.

O mesmo sucedeu nos anos escuros da Idade Media onde unha sociedade estamentada vía como normal que a nobreza e o clero impuxeran tributos, levas e sacrificios aos máis desfavorecidos, ao conxunto máis amplo da sociedade do momento, atopando como cuestión normal o feito de que os nacidos en alto berce tiveran unha capacidade innata e divina para poder exercer o seu dereito a decidir non so no que respectaba ao seu, senón tamén aos designios dos demais, incluíndo o seu xeito de pensar, o seu modo de vivir e tamén de morrer.

A Constitución é unha ferramenta de convivencia, non son as táboas sagradas dos Dez Mandamentos de Moisés... Pero o que tamén é lóxico é que podamos artellar entre todos un xeito de modificala para que as regras de xogo teñan o maior consenso posible

Pero o dereito a decidir foi evolucionando ao longo da historia do mesmo xeito que os tempos mudaban. Despois da Revolución Francesa e o finiquito do Antigo Réxime xurde un novo modelo burgués baseado na "liberté, igualité e fraternité" onde a defensa dos dereitos do individuo prima sobre calquera cousa. Pero tamén había que determinar ese grao de igualdade en base ao poder adquisitivo de cada un deles. Non sería entendible que o voto dun acaudalado comerciante que aportaba unha importante suma de diñeiro ao sustento da garda burguesa dunha cidade tivera os mesmos dereitos que un desarroupado pedigüeño sen oficio nen beneficio... De ahí a aparición do voto censitario e os votos ponderados (si, como os que hai hoxendía no seo da Unión Europea. Todo está inventado...).

Por falta de tempo, e sobre todo de espazo, imos ir avanzando ata chegar ao século XX, co dereito a sufraxio das mulleres, os maiores de idade, etc. que nos fan pensar que o dereito a decidir é un concepto o suficientemente elástico como para analizalo no contexto no que se produce ou, como dirían os vellos, "falemos da feira segundo nos vaia nela".

Precisamente agora, que estamos a vivir nun momento convulso na nosa sociedade, volvemos a referirnos ao manido tema do dereito a decidir... e aquí volvemos a cuestionalo todo e a poñer "patas arriba" temas que hai non moitos anos parecerían imposibles ou intocables como a unidade do Estado Español, o modelo de estado (Monarquía-república), a orde sucesoria da xefatura do Estado, a existencia ou non do Senado, o modelo territorial (un estado federal, confederal a recentralización ou as autonomías), o dereito a un salario social, etc. en definitiva a vixencia da propia Constitución. Ata o de agora, un tema tabú (ou caixa de Pandora) do que ninguén quería falar, pero ao que irremediablemente nos van levar os novos acontecementos e que pasa, irremediablemente ao meu entender, pola creación dun proceso constituínte que dote ao Estado Español dun novo documento base para afrontar a convivencia de todos, si é posible, no século XXI.

A Constitución Española foi refrendada por unha gran parte da sociedade do seu tempo, os nacidos despois do ano 1960 (o Constitución Española é do ano 1978 e foi sometida a votación entre os maiores de 18 anos daquela época), pero que ocorre cos que naceron ou nacimos máis tarde? Non tiveron a oportunidade de pronunciarse/nos sobre esas regras do xogo que agora rixen a nosa sociedade.

Ao igual que pasa noutros países de Europa, por exemplo Francia, por non ir máis lonxe, non hai ese medo a entrar en procesos constituíntes, e de feito xa levan uns cantos, e adaptar as normas básicas dun país ás necesidades do momento. A Constitución é unha ferramenta de convivencia, non son as táboas sagradas dos Dez Mandamentos de Moisés... Pero o que tamén é lóxico é que podamos artellar entre todos un xeito de modificala para que as regras de xogo teñan o maior consenso posible ou, polo menos, no dereito a decidir sobre elas actúen o maior número de persoas e o seu resultado sexa lexitimado por unha amplia maioría dos que teñamos que nos rexir por ela.

Agora, ante a convocatoria do referendo catalán, estamos no momento máis crítico da nosa historia recente e só se pode resolver desde a política e desde o compromiso de todos os sectores implicados e non en función de que un Mosso d'Esquadra acate ou non o mandato dun tribunal, senón desde a mesura e a cordura, utilizando como método de achegamento o diálogo constructivo que permita dotarnos dunha nova Constitución onde teñan cabida tódalas sensibilidades, se poida discutir sobre as novas formas de organización territorial e de representación do estado e, ao mesmo tempo, permita a convivencia pacífica do noso país durante, polo menos, outros 40 anos máis, ou non?

Comentarios