Opinión

Con nocturnidade e alevosía...

SIN DÚBIDA estamos xa ante a derradeira estación antes do previsible choque de trens entre os gobernos do Estado e da Generalitat por mor do proceso soberanista emprendido en Cataluña agrandado polo feito en si da aprobación con nocturnidade, e me atrevería a dicir tamén que con alevosía, no Parlament dunha polémica lei de referendo feita ad hoc para dar saída (digna?) ao compromiso feito por Junts pels Si e Puigdemont de levar a cabo, custe o que custe, a súa consulta plebiscitaria do 1 de outubro.

As imaxes vistas durante toda a xornada do xoves no Parlament de Cataluña dan unha pésima imaxe da clase política existente neste país e, a verdade, é que parecía que estivésemos a contemplar aqueles parlamentiños do leste de Europa, tra-la caída do muro de Berlín, onde só faltou que algún deputado perdera as formas e se enfrontara, zapato en man, a golpes co seu adversario político e coa propia presidencia da cámara lexislativa autonómica. Prohibición de intervencións, negacións de turnos de palabras, imposibilidade de deixar falar aos letrados da cámara... en fin, un cristo.

Pase o que pase o vindeiro 1 de outubro co manido tema do referendo o resultado vai ser inútil, sexa cal sexa. Así, mentras os seus promotores falaban no seu momento de que había que deixar que se expresara o pobo catalán sobre un tema que lles atinxía de xeito directo como a pertenza ou non a un determinado Estado e onde o dereito a decidir era unha cuestión democrática incuestionable baseada no dereito maioritario da cidadanía, agora xa cambiaron o seu discurso e falan de que a participación é o de menos, que con que haxa un so voto máis a favor das teses da independencia xa é razón suficiente para iniciar un proceso de desconexión co resto do Estado. Polo tanto o índice de participación, parece agora irrelevante...

Outra cuestión é a transparencia e as garantías de limpeza na votación. Esta era outra cuestión inalienable e instrínsica a todo proceso democrático. Pola contra agora falan que en lugar dun censo oficial recoñecido pola comunidade internacional bastaría so con presentar unha tarxeta sanitaria para poder acceder co seu voto ás urnas dando así posibilidade de intervención a votantes que non teñan a nacionalidade, non estea suficientemente acreditada a súa identidade ou incluso a posibilidade de falsear os rexistros de participación.

Tamén se falaba de que o referendo gozaría dos parabéns e o recoñecemento internacional e, polo que se ve, tal e como se está xestando agás Kosovo dame a impresión de que ninguén vai mover un dedo para defender a legalidade dunha consulta que, polo camiño que leva, vai deixar en bo lugar á do famoso 9-N en urnas de cartón.

Por outra banda, non debemos esquecer a outra cara do problema: a imaxe que a clase política está ofrecendo á cidadanía onde a ausencia de calquera diálogo é a tónica dominante neste proceso autista no que tanto o executivo autonómico como estatal están empeñados en levar suicidamente a cabo. Pasaron de ignorarse, a darse as costas, a poñerse cu con cu e mesmo agora parecera que destilan pura testosterona empecinados en facer ver á cidadanía quen a ten máis grande...

Así, mentras uns ameazan con denunciar o proceso ao Tribunal Constitucional e deixar caer sobre os promotores todo o peso burocrático e legal do Estado os outros pensan que so con encollerse de ombreiros, buscar un subterfuxio legal ou meramente ignorar o ordenamento xurídico de calquera democriacia avanzada está todo feito e a min plin que durmo en Pikolín...

O certo é que a irresponsabilidade de todos lévanos a un caleixón sen saída e a unha situación absurda que nunca debeu chegar ata onde está. E que pasará o 1 de outubro, e despois? Que pasará cos funcionarios que se verán sometidos a unha presión total por parte de propios e estranos? Que pasará coa Facenda catalana, terán que facer insumisión os empresarios implicados no process aos órganos recaudatorios do IVE e do IRPF estatal ou viceversa? Quen pagará as pensións dos xubilados cataláns e cara onde irán as cotizacións dos traballadores?

En fin, o que está claro é que aquí ninguén fixo o suficiente para que esta tolemia non se detera a tempo e agora non vale con pechar os ollos, encollerse de ombreiros, adoptar unha posición fetal e agardar que o golpe sexa o menos duro posible, porque, de seguro, que o vai a haber sin ningún xenero de dúbidas e non vai ser pequeno, ou non?

Comentarios