Opinión

O exemplo de Compromís

COMPROMÍS É a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados totais nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).

A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo ( organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización asumíase tamén por estes sectores como irrenunciábel.

A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición , reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comù Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs integrábanse no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.

O éxito electoral chegoulle a Compromis despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Comentarios