Opinión

A posverdade que nos vence

PREGUNTÁMONOS cal é a verdade cando non aceptamos a información con que nos bombardean os poderes que levan máscara no intento de manipularnos. Cando isto facemos, cando cuestionamos os dogmas que nos inoculan en vea, cualifícannos de conspiracionistas, xa saben, eses que atribúen os grandes acontecementos da historia a sociedades secretas ou a grupos de influencia, o foro Bilderberg por exemplo.

Sobre isto xa tiña as súas dúbidas Poncio Pilato, quen antes de entregar a Cristo á turbamulta e lavar despois as mans, interrogou ao reo sobre o asunto: "Que é a verdade?" Ben seguro que, sen lle dar o nome que desde hai pouco tempo lle damos (posverdade, en inglés post-truth), o prefecto romano era plenamente consciente de que a acusación se trataba diso, de algo puramente emocional e propagandístico, lonxe dunha realidade obxectiva.

Sempre a mentira foi unha presenza malfeitora a crear vítimas. Así, de pronto, venme á memoria aquel sirventés moral de Airas Nunes que comeza "Porque neste mundo mengou a verdade" e no que o trobador medieval explica como se botou a buscala por todén, mesmo polos mosteiros, e todos lle aconsellaban que a fose buscar a outra parte.

Daquela, cambiou algo ao longo dos séculos? Non e si. O refrán que di: "Calumnia, que algo queda" é moi antigo. Sen tanta virulencia, exprésase o aforismo de que unha mentira mil veces repetida se converte en verdade. E si, convértese en posverdade. Esa é a cuestión.

Boa parte dos gobernantes non son persoas que pretendan mellorar as condicións de vida da xente, senón prestidixitadores, ilusionistas, que nos queren facer ver o que non hai a por de repetir os seus enganos. Recitan consignas coma xaculatorias conscientes de estaren a crear sentimentos e ideas que se converten en paralelos da verdade; mais, por paralelos, non se tocan.

Así que, en case todos os eidos triúnfan os publicistas. Déanme un bo e converteremos en ave canora a unha galiña, en filósofo a un Cañita Brava e en presidente dos EE.UU. a un falabarato como o que xa teñen.

"Saímos da crise porque a macroeconomía vai ben". Díganllelo ás persoas desempregadas ou empregadas con soldos de fame. Moito me parece que non acreditarán en tal cousa. A posverdade funciona segundo para quen. Mais, non se preocupen. Como a megafonía sexa boa, as pantallas disparen imaxes e as redes sociais boten fume, non haberá outra batalla que a de darlles máis voz e cor aos enganos.

Cal é, xa que logo, a posíbel verdade? Que con estas políticas non imos a ningures. Que precisamos un proxecto de país para termos futuro. Que ou somos nós, ou non existimos. Que non nos pode vencer a posverdade.

Comentarios