Opinión

O silencio, luxo moi caro

TENTAN OS medios convencernos de que a vida é triste e inacabada sen o último chintófano, roupa de marca, delirios caros. Entre tanto artigo de luxo, co logotipo ben visible, non está o silencio, necesario para vivir.

O silencio é artigo carísimo. A súa falta está a provocar malestar social, unha veciñanza invivible. Tamén enfermidades, estrés, enfado crónico nun mundo fusco e maleducado, ecosistema de matóns.

Os escenarios de silencio están ameazados. O útero morno e amable da casa está asediado polo ruido, as pantallas, música que non se escoita ou polos que vivindo a carón nunca aprenderon a convivir. Ao outro lado da porta ameazan os bufidos da cidade ás veces amable, outras iracunda.

O silencio é o mellor escenario para o traballo do cerebro. O estudo, as grandes ideas medran onde hai silencio, un ambiente tranquilo, mentres que resulta imposible co ruído, balbordo, música de recheo. Para pensar fai falta tempo e silencio. Agora só hai ruído e présas e, polo tanto, moita xente que non é capaz de pensar.

Empeza a faltar o silencio poderoso e revolucionario das bibliotecas, espazo sagrado onde se enfrontan dúas soidades, a o autor e a do lector. Aínda que alí últimamente lese pouco. A rapazada estuda apuntamentos que pouco ensinan. Balbordo de xente que entra e sae, parpadeos continuos de pantallas reclamando atención.

Falta onde máis se necesita, onde vive a xente. Nos barrios ricos o silencio é un ben aprezado. Falta nas zonas da cidade onde existe enorme entusiasmo pola cultura do ruído. O silencio semella delicatessen para exquisitos, os máis cultos e ricos, con cartos para escapar da cidade ata acomodadas urbanizacións.

Nos centros comerciais, lugares de contacto atordadores, con máis estrés e sobreabundancia de artigos, é imposible atopar silencio. O ruído éche estratexia de consumo. Empezan a venderse lugares onde o silencio é un atractivo máis. Hai vagóns de trens onde o silencio é un ben protexido. En restaurantes tolérase cada vez menos o entusiasmo polo ruído, mesmo prohíben a entrada de pais bardallas incapaces de controlar aos fillos. Illas de silencio son igrexas, auditorios e museos, aínda que haxa que pagar peaxe por ese ben escaso. O ruído é unha agresión brutal mentres que o silencio, cun efecto sanador e relaxante, enfría e rexenera o cerebro sobre o que ten enorme impacto. Cómpre crear zonas de silencio, espazos de calma onde a concentración é posible.

A natureza é lugar privilexiado de silencio. Pasear entre as árbores, a carón do río, a vista nos grandes espazos, mergullados en cores relaxantes. Sentindo a caricia do vento, a música primixenia dos propios pasos. Todo é silencio e sons que adornan. Todo axuda á mirada interior. E ademais o silencio é gratuíto. Xamais un luxo foi tan barato.

Comentarios