Opinión

Ouro e brillo

SEICA CRISTIANO RONALDO achaca ao seu brillo o feito de que Facenda lle reclame unha moi considerábel suma de diñeiro. O que semella descoñecer é que, a maioría das persoas que non brillamos, tamén pagamos os nosos impostos e, dado que as nóminas cantan soas, non teríamos xeito de nos escapulir, no caso de que nolo permitira a conciencia.

Se, como asegura, a culpa foi dos seus asesores, que non lle fixeron ben o traballo, debería denuncialos a eles. Porque de dúas unha: ou el lles pediu que fixeran encaixe de Camariñas para solapar as súas astronómicas ganancias, ou eles tomaron unhas atribucións que non lles correspondían porque, á fin, o responsábel é o que asina a declaración.

O certo é que, co que el presuntamente furtou ás arcas públicas, solucionaríanse moitos problemas. Somos inmensa maioría as persoas que endexamais vimos nin veremos unha cantidade así nas nosas mans, cousa que, por outra parte, non nos fai falta.

Hai quen di que estamos a falar do mellor futbolista de todos os tempos. Semella que é unha obriga admiralo e desculparlle toda a chulería que mostra sen o máis mínimo pudor. Porén, a miña admiración, como a doutra moita xente, circula por outros vieiros. As proezas deses millonarios, fatuos a miúdo, non me suxiren nada que teña a ver co deporte e si me falan moito do negocio, algunhas veces escuro, dos clubs sen cuxa conivencia talvez non puidesen ensaiar a fraude.

Mais, se cadra son moi inxusta. As sabas do leito de Cristiano —redondo o leito e, polo tanto, redondas as sabas— non deben brillar menos ca el. Nalgures lin que as tivera que encargar, de seda, e o pobre (!) desembolsou 250.000 euros. E, como hai que supoñer que as muda, a cantidade multiplicaríase. Daquela, precisa moitos cartos. Precisa moitos cartos porque precisa moitas cousas que lle recorden que el é o facho do mundo. Si, dese mundo hipertrofiado do fútbol arredor do que xiran tantas vidas. Desa relixión que é o verdadeiro opio do pobo.

Quede claro que poucas cousas me parecen tan fermosas e saudábeis como a práctica do deporte, incluído o chamado deporte rei, por parte de nenas e nenos, mozas e mozos e tamén adultos, cando os move o pracer de xogar. Dóeme, pola contra, cando o que declaran non é o desexo de emular no xogo a este ou aquela, senón o de superalos en cartos e luxos.

Cómpre dar a coñecer outros heroes —hainos—, eses que salvan vidas, investigan, reparten solidariedade, fan mellor o mundo e, se brillan, son como os vagalumes, que descoñecen a súa leve luz na noite. Para eses non hai cartos ou están taxados. Cristiano, despois de todo, só é a metonimia dos que confunden ouro con brillo, valor con prezo.

Comentarios