Opinión

Pero é ese o problema?

MAREAS DE TINTA, tertulias e reportaxes televisivas encargáronse do tema do xuízo do sopapo ao rapaz da Coruña. Seguro que xa saben que unha nai foi absolta polo xulgado da Coruña dunha acusación de maltrato ao seu fillo por darlle un sopapo cando o rapaz empezou a montar un cirio na casa. Vin entrevistas a varias ducias de psicólogos, pedagogos, avogados, xuíces, expertos e varios e nais e pais que opinaban sobre o ben ou o mal que pode causar un coscorrón a un neno que non se pon ao rego.

Sen embargo, considero que o principal problema é que unha labazada así chegue a ser causa penal.

Para que unha denuncia sexa admitida a trámite teñen que pasar varias cousas perfectamente reguladas pola lei. O máis habitual é que unha vítima denuncie os feitos ante a policía ou ante o xulgado de garda e un xuíz instrutor analiza os indicios e decide se é susceptible de seguir investigando. No caso de que vexa gravidade, iníciase un proceso de pesquisas máis ou menos longo no tempo para recopilar evidencias do feito e probas de acusación, e finalmente elevar todo a un tribunal que celebra un xuízo e dicta unha sentenza.

No caso que nos ocupa, o tema pasou polo menos por un avogado da acusación, outro da defensa, un fiscal, un xuíz de instrución, un par de procuradores e un tribunal. Ao redor de 10 persoas tiveron que opinar sobre o asunto e non houbo xeito de chegar a unha solución ata o final do proceso. O rapaz tiña dereito a unha defensa xurídica e o seu avogado asistiuno ata o xuízo. A nai tamén tiña un avogado, que seguro que non lle quedou máis remedio que a xestión da defensa pola imposibilidade de chegar a un acordo. O xuíz instrutor que atopou indicios de delito decidiu desenvolver o proceso xudicial e o fiscal entendeu que había unha vítima que tiña que ser defendida da súa propia nai, que non esquezamos, deulle un soplamocos porque o neno reaccionou estampando un teléfono de 800 euros contra o chan por un berrinche. Seguro que esta foi a gota que colmou o vaso, pero ao final é o feito polo que foi xulgado.

Ao final de todo, e de perder un par de anos con esta lea, o xuíz di que a nai ten razón. Perfecto, pero agora toca recompoñer a situación. O neno vai ter que seguir vivindo próximo á nai e a nai vai ter que seguir aturando o retoño. Ao final, todo queda como está porque o xuízo foi favorable, pero se o fallo fora o contrario, probablemente a nai tería que seguir mantendo o artista que tería que vivir na rúa ou nunha casa de acollida. En definitiva, pasase o que pasase, a cousa quedaría igual ou incluso peor se a sentenza fose favorable á vítima.

Recoñezo que os feitos hai que estudalos e analizalos con rigorosidade, pero sería bo que na ecuación da xustiza tamén se contemplase o grao de eficacia do proceso. Se ao final, pase o que pase, a cousa vai quedar igual, ao mellor non merece a pena meterse nesta foliada.

Non entro no asunto de se o neno merecía un rapapolvos, pero algo non vai ben cando un fillo e unha nai chegan ante unha xuíz para resolver este tipo de cousas.

Comentarios