Opinión

'Orfos' de pai e nai

SON 580.000 según a Ong Educo. 'Orfos' de seis e trece anos. Amos de casa nenos, donos da chave. Fillos de traballadores pobres. E os cartos non chegan. Sen comedor escolar no verán e sen medios para pagar 'canguros' nin actividades, a praia é o sofá, e a viaxe soñada, a televisión. E o xogo solitario non é xogo.

Di a OCDE que estamos por riba da media en desprotección e pobreza infantil. E como medran atrancos ás transferencias sociais, a Unicef denuncia que a pobreza non se reduce, que se cronifica. Que os pais pobres son fillos de pais pobres e serán pais de fillos pobres. O vademécum da pobreza semella un xeroglífico. A esta pandemia de 'orfos', chámanlle 'fillos da chave'. Camiñan do cole a casa collidos da man fría da chave. Donos de tardes de silencio. Vacinados contra a socialización, con poucas oportunidades para desenvolverse de xeito adecuado. Hai outro mundo infantil que acode cada tarde á piscina, vai a campamentos de verán, viaxa ao estranxeiro para coñecer mundo, vivir experiencias, aprender idiomas. Son cousiñas que anchean a fenda cada curso, cada vacación entre ricos e pobres. E non son poucos: centos de miles de menores precisan políticas correctoras das desigualdades.

A crise colocou nas mans destes nenos chaves que só abren portas de soidade. Esa mesma crise foi aproveitada por unha praga de lagosta político-económica para crear un país máis inxusto. Rouboulles campamentos de verán, actividades lúdicas, a comida dos comedores escolares e, o máis importante, a presenza dos pais. A sementeira de pobreza na terra virxe infantil, impedirá un futuro digno: quedan sós, ao goberno da casa, facendo cada día un masterchef de comida lixo.

Ter fillos 'orfos' éche unha heroicidade. E a demografía, asignatura que suspenden políticos inconscientes. Os horarios son un crebacabezas imposible de cadrar para familias precarias, fogares monoparentais. A necesidade marca as prioridades e a única gardería é a casa dos avós. Conciliación da vida familiar? Éche un luxo para ricos ou para a aristocracia laboral. A precariedade nin ten dereitos nin está ben pagada, nin ten idea do que significa na práctica conciliar familia e traballo.

A ausencia de pais pasa factura: problemas de conduta, ansiedade, sensación de abandono, depresión, obesidade, enfermidades endocrinas que deberan estar vedadas no territorio da infancia.

E uns 'amigos': televisión, videoxogos, pantallas, redes sociais, incapaces de dicir non, de poñer límites.

Todo isto ocorre na idade de ouro da educación, onde se xestan as grandes conquistas, os trunfos e fracasos, a desigualdade ou as oportunidades. A soidade non pode ser o patio de xogo dos nenos. Nin as chaves mans ás que collerse. Con pai e nai, ningunha nena, ningún neno debera sentirse orfo.

Comentarios