Opinión

Crucificar ao Cristiano...

COA ENTRADA do verán chegan as altas temperaturas e as serpes abandonan o seu escondrixo para saír á superficie e provocar algún que outro susto ao amable veraneante que dun xeito imprudente pasea descoidado por lugares que son territorio de caza dos ofidios por esta temporada.

O mesmo ocorre coas chamadas 'serpes de verán' que non son outra cousa que noticias que se converten en 'virais' e agroman de xeito indiscriminado protagonizando prácticamente toda a temporada estival acaparando grandes espazos nos medios de comunicación ante a falla de outro tipo de informacións que poidan preocupar e ocupar ao público en xeral.

Este ano todo apunta a que, ademais do problema dos incendios e o proceso soberanista catalán, teremos a Cristiano Ronaldo como especial protagonista dun serial onde verenos de todo desde mostras de adhesión, intentos de linchamento e comparacións odiosas co circo romano, o calvario e a presunta crucifixión do protagonista.

E que Ronaldo afrontará este verán o inicio dun proceso xudicial por presunta fraude de casi 15 millóns de euros que ameaza con resquebraxar de arriba a abaixo as principais estruturas do Estado de dereito a tódolos niveis, sobre todo deportivo-futbolísticas.

Así, antes de partir cara Rusia, o astro portugués xa chamou a rebato dos seus siareiros ao tempo que lle provocaba unha úlcera sanguenta ao presidente merengue, Florentino Pérez, que en lugar de disfrutar dos éxitos deportivos e da súa renovación como presidente da 'Casa Branca' vai ter que pasar un verán moi movidiño para convencer ao luso de que se atopa nun erro e que realmente é moi querido en España, pese ao 'maltrato' de Facenda. Florentino tentará a toda costa que o natural de Funchal deixe de pensar en emprende-lo vo e saír pitando cara outro país máis receptivo aos seus compromisos impositivos e fiscais.

Cristiano Ronaldo está en Rusia competindo polo seu país na Copa Federacións representando a Portugal e agarda a unha conversa privada e directa (vis a vis) co mandatario merengue por mor de comproba-la capacidade de influencia da 'Casa Branca' á hora de resolver os problemas que afectan aos seus protexidos.

Parece ser que Florentino xa lle deu todo tipo de garantías de que España é un estado democrático, con separación de poderes e moi garantista dos dereitos humanos e que aquí todo mundo é inocente ata que se demostre a súa culpabilidade. Vamos, que a lei é igual para todos e que vai ter o mesmo trato que calquera 'españolito' de a pé... (así, tal cual... como a Infanta Cristina e Urdangarín, por exemplo).

Cristiano asegura aos seus máis achegados que non ten intención de abandona-la disciplina branca, pero que se sinte pouco querido en España con este tipo de acusacións que o poñen ao nivel dun delincuente, dun defraudador... algo moi feo que a ninguén lle gusta, pero que se arregla si un regulariza a situación (paga) e convence ao fiscal de que non presente cargos porque foi un erro involuntario e que a través do propósito de emenda (unha substanciosa multa) e o arrepentimento, ademais da seria promesa de que foi un erro que nunca máis volverá suceder, o tema non pase a maiores. Antecedentes hai para poder remitirnos a eles...

Pero o problema é que esta xente nin unha cousa nin a outra, e non por unha cuestión de cabezonería, que tamén, senón porque 'la pela es la pela' pese a que esta frase sone máis a calquera xogador do equipo rival, do conxunto catalán.

A min dame a impresión de que a solución que se atope, e que procure a permanencia de Cristiano Ronaldo no Real Madrid, vai pasar porque alguén pague (calquera agás o portugués) e neso están a traballar arreo os asesores ben remunerados que ten tanto o conxunto branco como o propio Florentino.

Xa saben vostede que Facenda somos todos agás a Infanta Cristina, Urdangarín e agora Cristiano Ronaldo, ou non?

Comentarios