Opinión

Empate sen goles e desgaste para os dous

IGUAL QUE se ve un partido en diferido coñecendo o resultado, para contemplar unha xogada brillante, un gol inverosímil ou un penalti inxusto, seguiuse o debate sobre a moción de censura a pesar de saber como ía ser a votación, porque pola evidencia dos números o interesante era a discusión. E aquí ninguén resultou gañador, nin o promotor nin o destinatario da reprobación. Se realmente houbo vencedor foi un ausente, Pedro Sánchez, pois os argumentos de Podemos son os coñecidos cando a corrupción no PP está amortizada por máis que cada novo caso sexa un aldrabazo no partido pero non na conciencia da maioría dos votantes. E por parte do líder popular basear a estratexia no ninguneo ao rival tampouco lle dá réditos a el nin llos resta ao outro. Así, logo dun partido con ocasións remata en empate a cero, pero con algo de desgaste dos contrincantes que favorece aos demais equipos.

Comentarios