Opinión

Ormuz e Ahriman, os xemelgos

ESCOLLIDO POR Nietzsche como modelo de filósofo e voz das propias ideas (Así falou Zaratustra), o Zaratustra orixinal fundou na antiga Persia unha relixión, o mazdeísmo. Aconteceu isto entre o segundo e primeiro milenio a. de C. e, tras unha serie de séculos e vicisitudes, practicamente desapareceu, sobre todo cando por aquelas terras se implantou o Islam.

Traio isto á memoria porque o mazdeísmo ou zoroastrismo falaba de dous irmáns xemelgos, Ormuz e Ahriman que personificaban respectivamente o ben e o mal, a luz e a escuridade, o espírito creador e o espírito destrutor. E, deixando á parte a influencia no xudaísmo e, por ende, no cristianismo, dos postulados que recolle o ‘Avesta’, as persoas tendemos a acreditar nesta dualidade. (Avesta: recompilación dos textos doutrinais do mazdeísmo).

Así, dividimos o mundo entre bos e malos sen decatármonos de que facemos un remexido letal co noso fanatismo e o fanatismo dos outros.

Fanática é, segundo o dicionario da RAG, a persoa que defende con paixón e entusiasmo cegos as súas crenzas, afeccións, etc., sen tolerar as dos demais. Porén, hai ideas que son obxectivamente inaceptábeis.

Certas proclamas destes días, despois do de Londres, teñen moito de viscerais e fundamentalistas. Aínda así, coido que non lle falta razón a Fernando Arrabal cando asegura que os fanatismos máis temíbeis son aqueles que se poden confundir coa tolerancia. Neste senso, ocórrenseme moitos exemplos, pero seguramente estou mellor calada.

Nada xustifica a barbarie terrorista; mais esta, como os asasinatos de mulleres, prodúcese e reprodúcese en determinados caldos de cultivo. É ben sabido que, no momento de matar, as futuras penas de cadea non son un freo. Éo, pola contra, unha boa educación en igualdade e empatía cos seres humanos. Menos aínda é doado parar a eses islamitas que acreditan no paraíso das hurís para os que morren matando en nome dun deus que, polos feitos, imaxinan sanguinario. Mais, en proporción co número de musulmáns que viven en occidente, son minoría.

Á pregunta de se poden convivir culturas tan diversas, responde o catedrático de sociología Enrique Gil Calvo, citado pola lucense, arabista e misioneira, Teresa Losada, xa falecida: "Hai que buscar compromisos e acomodos viábeis entre as partes (...). Para iso fan falta institucións mediadoras entre os distintos dereitos e intereses en disputa".

Nada se solucionará pechándolles aos pobres do mundo as cancelas dos países onde non impera a fame. Trump non o entende, como tampouco quere entender o cambio climático.

Nin nós somos Ormuz, nin eles son Ahriman. Xemelgos no sufrimento e nos soños, si.

Comentarios