Opinión

A canción do río

HAI ERROS, sobre todo os que se expresan en aforismos ou bonitas frases feitas, que poucas veces detectamos. E non me refiro aos refráns relativos ao tempo meteorolóxico, bastante desmentidos polo cambio climático.

Hoxe, ao constatar a recorrencia de certos temas nos meus artigos, véuseme á memoria unha afirmación que, se ben me cadraba como anel ao dedo, pode ter moito de falsidade. Gerardo Diego fíxoa súa no Romance del río Duero: "Quién pudiera como tú,/a la vez quieto y en marcha,/cantar siempre el mismo verso/pero con distinta agua". Poñamos que, co mesmo caudal e nos mesmos desniveis, o río canta a mesma cantiga, mais un e outros varían ou poden variar.

E é que, pensando no de hoxe, véuseme á mente un título que me soou a cousa xa dita: Varrendo para fóra. O máis curioso é que, mirando no arquivo, puiden comprobar que, ademais do título, o tema tamén se repetía.

A cousa vai de cancións como naquel, mais a miña canción non é a mesma. Agora entendo o porqué do que denunciaba. E vou ao asunto: a TVG, nun seu concurso dentro do coñecido programa dos venres pola noite, facíalles cantar aos aspirantes temas do ano de María Castaña traducidos ao galego. Supoño que o seguen a facer, pero non podo aseguralo porque non teño antigos alumnos concursando e non o vexo. Sen dúbida a explicación está en que se evita ter que pagar dereitos de autor acudindo a composicións que xa non os teñen. Desa maneira, o produtor ten menos gastos e máis proveito. Doutra banda, son habitualmente artistas foráneos os que se promoven aquí. Seguimos sen varrer para nós. Os grupos folclóricos, que si acoden, custarán, se é que os custan, o desprazamento e uns petiscos.

O sábado e domingo pasados sentín, máis unha vez, como me medraba a carraxe polo desprezo do que este país produce. Primeiro na Gala das Letras, promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Editores, Galix e a Federación de Libreiros, tiven ocasión de escoitar por segunda vez ao grupo De Vacas, un grupo formado por tres rapazas e un guitarrista, que contaxia cos seus temas ledicia, frescura e bo facer musical. O domingo, na entrega do Pedrón de Ouro, na casa de Rosalía en Padrón, foi a cantante galego-palestina Najla Shami quen lles prestou a súa fermosa voz a varios poemas da nosa autora máis recoñecida.

Calquera dos dous exemplos, por se alguén o dubidase, serve para demostrar que en galego se pode facer música atractiva e actual. Porén, o elenco de persoas, grupos, idades e estilos, é inmenso. Como se ten dito, somos unha potencia. Unha potencia que, valla a redundancia, a nosa televisión pública apenas potencia.

Comentarios