Opinión

Galicia toda

TODOS ESTABAN orgullosos e non é para menos! Festexábase en Vigo un importante acontecemento, o 40 Aniversario dos Premios da Critica de Galicia. Alí estaban moitos dos protagonistas e tamén había destacadas ausencias. Parabéns, abrazos sinceros, puñaladas trapeiras, miradas doces e atravesadas, risos, sorrisos, humor, literatura, poesía, audiovisual, arte e canto, de todo había, xunto con moita xente e moitas autoridades. Era a conmemoración do nacemento, en 1978, dunha iniciativa loable, que foi e que seguirá sendo, "mentres o corpo aguante", un acicate para eclosión literaria, creativa e artística no país, nesta Galicia nosa, que moitos considérana e enténdena como un impaís.

Parabéns, abrazos sinceros, puñaladas trapeiras, miradas doces e atravesadas, risos, sorrisos, humor, literatura, poesía, audiovisual, arte e canto, de todo había

O meu impaís e o seu, en convivencia co país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro, segue na ruta avanzando paseniño. Carlos Gardel di que "veinte años no es nada" e, como moi ben narrou algunha das persoas que falaron no acto de Vigo, como Carmela Silva, corenta son o dobre. Nada e moito, ao mesmo tempo, "que febril a mirada, errante nas sombras". As sombras que acubillan o paso do tempo, dos anos, dos premios e dos premiados. Os de 1978 foron o poeta Alfonso Pexegueiro, Andrés Torres Queiruga, Isidro Parga Pondal, o Museo do Pobo Galego, A Roda, Milladoiro e Cantigas gallegas dos séculos XIX-XX.

Os promotores daquela son os mesmos de hoxe, Bieito Ledo á cabeza e un grupo de amigos e voluntarios na loita constante pola defensa do patrimonio cultural de Galicia e dos galegos. Todo para orgullo de nós, dos de Ourense e de Lugo, da Coruña e de Pontevedra. Para orgullo dos galegos da diáspora e para o dos que veñen vivir á terra e encariñarse con ela, para querela e amala. Ao longo destes anos fixeron un traballo inxente e parecen dispostos a seguir nesa senda do galeguismo integrador, premiando a quen o merece e revalorizando a necesaria actividade cultural en tódolos seus ámbitos.

O do festexo, foi un día magnífico, de lembranza, de acordanza, recordos e nostalxia. Corenta anos! Foi un acto no corazón de Vigo, convertida unha vez máis esta cidade, de costa arriba e costa abaixo, en motor de dinamización cultural, en espazo de reflexión e de comunicación da Galicia culta, é dicir, da Galicia toda.

Comentarios