Opinión

Letras galegas como pretexto

O IDEAL É QUE non houbera días de nenos, ríos, enfermidades, letras. Visibilizan situacións delicadas. Como a lingua esmorecente: pouco pode esperar de fastos oficiais, moito das escolas. E das bibliotecas, axencias de viaxes interminables, de vidas paralelas, de sementeira. Cos dereitos de D. Pennac na entrada. Ler sempre. Cando, onde, o que queiras. Reler ou deixar de ler.

En Galicia, tamén en galego. A viaxe de Gagarin de Fdez. Paz. Riveiro Coello. A ira dos mansos, de Manuel Esteban. Da man, áspera de sales e soles de X. Souto, viaxas á Costa da Morte para ler Contos do mar de Irlanda. Escritos nos espellos do mar. Personaxes de salitre, mariñeiros que só son heroes, é dicir traballadores.

Nos andeis, Manuel Rivas. Deste hai que ler todo. Os adictivos artigos que descobren un mundo de rostro humano. Agora, O último día de Terranova. Historia dunha paixón agochada na cova do tesouro que é toda libraría. Unha viaxe polo día que liquida existencias. Melancolía do peche inminente. Tanta vida cicelada no papel, metal precioso onde viven os libros.

Foi outro día. Nas mans Zapatillas rotas de Xabier Quiroga. Xa leras Izan o da saca ,título onde colle o libro enteiro. O avó que desaparece da residencia. A mobilización para atopar á parella que retrata ao país: un vello e un parado. Unha sociedade con valores rotos. Quentura humana dentro das zapatillas. Una aposta polas vidas miúdas, o papel dos sentimentos, o veleno da présa.

Esta muller que mira desde a solapa éche unha boa noticia. María Reimóndez: Desde o conflito. Xornalismo esmorecente ameazado por balas e medos onde a libertade de expresión volve a ser a vontade do dono da imprenta. A xornalista Saínza vai, mira, fala escoitando, e conta a verdade entre guerras e cascallos, nenos e moscas, primeiros planos femininos, amizades e sentimentos. Tentando comprender o crebacabezas do planeta roto.

De remate éche un calidoscopoio divertido, retranqueiro. O que escribe H. Cajaraville hai que bebelo a groliños. Mestura de artigos de opinión, emails cruzados, anotacións no diario.. Arquitectura intelixente, un labor de taracea cheo de frescur, tinguido de humor e drama.

Deste Carlos Casares, Ilustrísima. Fino humor e reivindicación da tolerancia: case unha receita para un tempo de ruído e furia. Alegato urxente contra o dogmatismo e as enrugas da ira. Ou de como un bispo bondadoso tentou ir ao cine hai un millón de anos e foi tarefa heroica saltar os valados da intolerancia que aniña entre nós. E como combatila coas poderosas armas da tenrura.

Estes poucos libros, estes autores. Ben poden ser outros nas mans de cadaquén. Letras galegas só como pretexto para viaxar polos labirintos da palabra. Ler polo pracer de ler, verbo que non soporta o imperativo.

Comentarios