Opinión

A pobreza é un luxo moi caro

A POBREZA é moi cara, un luxo social que non podemos pagar. Por iso, voces autorizadas reclaman a renta básica universal, algo que empeza a aparecer como outra pata necesaria do estado do benestar.

Europa e o seu humanista estado social non pode desaparecer baixo a piqueta de populismos xenófobos e nacionalismos excluíntes. A mellor Europa éche alternativa e antídoto necesario ao neoliberalismo sen alma, ao populismo de Trump ou ao capitalismo depredador chino.

Máquinas e robots están a expulsar do traballo a millóns de persoas. Uns logros tecnolóxicos que xa somos quen de vislumbrar coparán escenarios laborais facendo innecesario parte do traballo humano. A alternativa non pode ser o paro inútil: a renta universal favorece o consumo, mantén en pé a dignidade humana e aparece como unha inversión.

O paro é a nai de todas as pobrezas. Xeradora de desigualdade, a pobreza é excluínte. Vén coa mochila cargada de obesidade, delincuencia, enfermidades mentais, exclusión social, de incultura e fracasos académicos. A lista de derrotas é interminable. Por iso é máis intelixente erradicar a pobreza que combater os dexastres que provoca.

A renta básica aposta pola dignidade das persoas, pola libertade individual. Custa moito pero o malgasto maior é a burocracia, os chiringuitos de caridade, policía, centros de menores, cárceres e centros de desintoxicación e multiplicar organismos de protección social sempre insuficientes.

Políticos e tecnócratas sen alma, expertos en explotar o medo en beneficio propio, botan as mans á cabeza e preguntan quen pagará a renta universal? Ata Bill Gates di que se máquinas e robots substitúen a traballadores, terán que pagar impostos. Por non falar da foxa séptica da corrupción político-económica ou da economía mergullada oculta ao fisco.

Coa tecnoloxía non se precisa tanto emprego, nin tantas horas de traballo. Dun día para outro desapareceron os cobradores das autopistas. Desaparecerán traballadores de gasolineiras e caixeiros de supermercados. Máquinas rápidas e eficientes expulsan aos traballadores. Non se trata outra vez do ludismo: destruir máquinas e robots. Non, que cada máquina de cobro pague impostos.

Que cada robot pague impostos. Que cada caixeiro automático pague impostos. Según os expertos a tecnoloxía expulsará ata o 60% dos traballadores actuais. Sobran eses traballos pero non sobran as persoas. Haberá que reinventar o traballo e disminuar a xornada laboral. Menos horas de traballo e máis vida que permita dedicarse ao ocio e a creación cultural, ao coidado exquisito e a recuperación dun planeta envelenado pola cobiza, invivible, roto.

A renta universal será ferramenta imprescindible contra o paro e a pobreza, luxos que non podemos pagar.

Comentarios