Opinión
 
Votacion: 
5 (5 votos)
2

A derradeira entrada do blog de Miguel Suárez: 'O rato roe óso'

*MEU PRIMO, criado na aldea ata xa mozo feito, casou novo cunha rapaza aínda moito máis nova ca el que nunca saíra da cidade, era desas nenas da Coruña que non tiñan aldea. Ao casaren, á muller non lle quedou otra que ir entrado nos costumes e hábitos da pausada e monótona vida de campo. Máis, moito máis, cando tiveron a primeira nena, ledicia de toda a familia polo guapa e simpática que xa estaba a ser. A nai, a nena da Coruña sen aldea, polo ben da convivencia facía o posible por adaptarse do mellor modo ás esixencia da súa nova posición, por iso nunca indagaba nin menos discutía se había obriga de ir tanto á aldea a ver a seus sogros. Íase e non se falaba máis. Tampouco era tan aburrido. O que levaba peor era durmir fóra da súa casa, da súa cama, do seu cuarto arranxado con tanto mimo despois da voda para eles os dous. Iso sempre lle custou grave esforzo e por iso utilizou toda artimaña para regresar sempre a durmir ao seu fogar. Pero os avós insistían, meu primo tampouco se opoñía, e pouco a pouco pasaban maís noites da fin de semana na casa dos sogros. E isto empeorou ao nacer a súa nena, cando, pensaba, sería definitivamente quen pecharía a porta do cuarto para durmir na aldea.

Hai condutas que se impoñen coma unha lousa sen ter explicación. Canto máis ela soñaba que ao ter o seu bebé menos iría a durmir a aldea —co traballo que leva consigo un bebé, ir durmir a unha casa tan fría, tan incómoda, tan húmida, tan pouco hixiénica— , moito máis se foi metendo en noites inesperadas durmindo no cuarto cos avós e tíos. Como o proxecto vital andaba nos seus inicios e un aínda está disposto a xogalo todo, a nai primeiriza foise metendo na boca do lobo quedando amarrada a compromisos nunca firmados polos que debía contentar a todos deixando durmir ao bebé nun cuarto enriba da corte das vacas. Cedeu, transformouse, resignouse ata facer creer que aceptaba durmir na aldea porque realmente lle apetecía. E non. Non lle tiraba nada o corpo por esas fins de semana entre pallas e cheirumio dos animais. Menos, cando lembraba contos que o home lle contaba de que os ratos subían polas noites á cama dos máis pequechos e íanos roendo con gusto ata deixalos nos ósos. Daquela eran risos, pero agora a nena durmía nun berce á beira da cama dos papás e a nai deu en sentir un pánico indescriptible.

Estaba segura: un rato acababa de saltar ao berce, movíase con disimulo e finura, pero no podía negar que xa andaba rillando nas mantas que cubrían á nena. Aguantaba a respiración a ver se o ratiño desaparecía, pero para nada, seguía buscando a vía que lle puxese a carne tenra do neno á beira dos seus dentiños roedores. Convencida de que debería tomar unha medida de valentía e urxencia, advertíu ao marido: "Antón, o rato está no berce coa nena". O marido, entregado ao sono, non deu dito outra cousa: "Que dis, oh, que dis; durme". Sentir as súas palabras serenárona unha miga, pero axiña necesitou sentilas de novo: "Antón, paréceme que xa roe as mantas, está chegando á carne". Como non obtivo resposta, tratou de motivalo: "Antón, cambiou o ruído, xa debeu de chegar ao óso". Para rematar coa situación, sen palabra polo medio, meu primo ergueuse, colleu do berce o bebé envolto, entregoullo á nai para que comprobase o ben que durmía e o ben tapada que seguía. Ao abrazala, a nai transformouse en serenidade, pero o que quedou completamente desarmado foi meu primo: de debaixo do sergonciño do berce da nena saíu ríspeto un ratiño que desapareceu da súa vista coma unha centella.

A min pásame algo semellante cando reflexiono sobre o tema inevitalbe nestes últimos tempos de preparación á morte. Cando me preguntan como o levo, non atopo mellor resposta que: evolucionando. Evolucionando a canda a enfermidade. Seguindo os seus pasos, as súas ordes, as súas decisións incontestables. Se decide pasar silente un par de días, un par de días que tamén silencio as preguntas ou as desvío ou dirixo con fortaleza. Se marca ritmos de dor crecente, á dor hei de facer fronte esquecendo toda aoutra necesidade ou petensión. Se as probas científicas confirman que avanza, non cede, non se detén diante nada, inquiro en min probas de tales certezas médicas. Ás veces paréceme que son un simple medorento que escoita os dentes de rato roendo na manta, outras, ben ás claras, comprobo que o rato si está, e roe xa no óso, o cambio de ruído é tan poderoso como evidente. Aínda así, sabendo que os dentes xa roen óso, a todos nos gusta ata o último instante seguir o ritmo que marcan dende fóra. Se a nai da criatura preguntase ao pai polo que vira ao erguer á nena, probablemente o metese nun apuro, mentir non é tan doado como calar algo que sabes e non queres que outro saiba. Pero a súa urxencia de tranquilidade e paz abrazando á nena achegouna ao coñecemento inxenuo, afastado do crítico, que sempre desimula, apacigua e calma os temores máis negros e fundados.

Artigo publicado o domingo 09/04/2017
*O autor finou o 18/04/2017

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.

imagen de usuario
Toño pontevedra lunes 10 de abril de 2017, 10:52
2

Ahí va

imagen de usuario
SOUSA-POZA domingo 9 de abril de 2017, 16:27
1

Miguel, desde que soy octogenario estoy muy consciente de que, con toda probabilidad, mi cuenta atras esta en numeros sencillos. Cierto, de momento no tengo ninguna dolencia debilitante o que me impida valerme por mi mismo, por lo que me considero afortunado. Pero se que es una fortuna a corto plazo: dentro de no mucho me la voy a pegar. No es, sin embargo, algo que me intranquiliza: es mas bien algo que me intriga.