SUPERCOPA

Real Madrid 1 (Asensio, 4') - 0 Barcelona

de actualidad
De la Serna Es Actualidad De la Serna
Opinión
A TECELÁ EN OUTONO 
Votacion: 
5 (8 votos)
0

Verdades acróbatas

NON RECORDO agora quen dixo que unha botella medio baleira é, asemade, unha botella medio chea; mais unha media verdade nunca será, ao mesmo tempo, unha media mentira. Tampouco recordo se o autor da frase conclúe que unha media verdade é unha mentira dobre; porén, coido que é así.

De como as mensaxes están sometidas a unha serie de continxencias, todo o mundo podería expoñer o seu caso: limitacións lingüísticas do emisor ou do receptor, dificultades auditivas ou lectoras de quen le ou escoita, predisposición positiva ou negativa verbo do emisor ou da mensaxe, falta de atención ao contexto en que se produce o acto comunicativo, etc.

As redes sociais son lugar privilexiado das medias verdades e, polo tanto, das grandes mentiras. Os creadores de falsidades cabalgan ao lombo da impunidade que lles proporciona o anonimato. E, ademais, é bastante habitual que se dean por certas noticias publicadas en páxinas ou programas de humor. En moitos casos son hipérboles de afirmacións desafortunadas por parte de personaxes aos que adoita acompañar a polémica. Neste senso levan a palma certos políticos e políticas, xunto con algunhas autoridades eclesiásticas ás que o Concilio de Trento as adianta pola esquerda.

Vai un exemplo: Atribúeselle ao bispo de Toledo a prédica de que os zurdos e os roxos (de cabelo) son criaturas de Satán. Saíu nunha parodia radiofónica e, como palabra e pedra solta non ten volta, e moito máis nestes tempos, a afirmación apócrifa rola libre e desposuída da súa orixe. E moitas outras , con menos humor que mala uva, circulan para rexouba ou para escándalo das persoas crédulas que non se preocupan de buscar as fontes da noticia.

O máis triste non é que existan as mentiras e que se manipulen as verdades, senón que unhas e outras adquiran o mesmo valor con tal de teren a mesma difusión. Quen busque a verdade ten que conversar con ela e enfrontarse coas súas aparentes contradicións. Sabíao Óscar Wilde, que escribiu: «Os paradoxos levan á verdade. Para ver o que vale a realidade hai que vela bailar sobre a corda frouxa. Cando as verdades se volven acróbatas, podemos establecer un xuízo sobre elas».

Ao falar de verdade, refírome á correspondencia entre o pensamento e a súa expresión, á coherencia entre o que se di e o que se fai, á honradez na procura dun comportamento ético. Non pretendo nin vén ao caso referirse aquí á verdade ontolóxica ou á verdade epistemolóxica. Trátase, simplemente, das verdades subxectivas e solidarias que poden facer un mundo máis acolledor e igualitario, da queima dos espantallos que, postos para gardar a semente, nos rouban o canto dos merlos.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.