Opinión

Alcumes

EN SANTIAGO, que é unha cidade invertebrada pero culta, hai quen vén alcumando a Martiño Noriega como o "alcalde 2.0", recuperando así una práctica popular xa en desuso. Ao marqués de Figueroa, alcalde da cidade nos anos corenta, a quen un tic nervioso o obligaba moi a menudo a estirar o pescozo levantando a barbiña en dous movementos precisos, a xente alcumouno tan certera como inhumanamente “Pito bebendo”.  Ao seu sucesor, o alcalde dos anos cincuenta Enrique Otero Aenlle, que foi despois gobernador civil de Lugo,  o acedo enxeño popular non o tratou mellor. Tendo pouco corpo e baixa estatura, tivo a mala fortuna de ter que acudir a un dos seus primeiros actos públicos xunto ao cardenal Quiroga Palacios, que era máis ben de talle inmenso. E estando alí, a carón da súa eminencia, alguén alcumouno axiña como a "súa menudencia”.  Hoxe, este alcume de "alcalde 2.0" non sei se terá fortuna. Se fora así xa vexo ao rexedor Martiño Noriega presentándose nos mitins como facía Garrido Valenzuela, o exconselleiro de Agricultura, que abría os que daba en Portonovo aclarando quen era: “Eu son o Miñocas”.

Comentarios