Opinión

Este Pedro non madruga...

UN DOS principais personaxes da historia medieval de Galicia e, máis concretamente de Pontevedra, está encarnado por Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga. Dalgún xeito foi un visionario adiantado ao seu tempo ao querer convertir Galicia e o norte de Portugal na primeira eurorrexión con capacidade de autogoberno e de decisión política propia, eso si, baixo o seu mando. O Conde de Camiña (título do que tamén dispoñía) tiña acceso directo á corte portuguesa e rivalizaba coa máis alta curia compostelana por amplia-los seus dominios cara o norte da provincia de Pontevedra causando terribles envexas entre os seus pares do momento. 

Pedro Madruga gañouse a pulso o seu alcume, segundo di a lenda, porque sempre estaba disposto a facerlle unha xogada aos seus inimigos. Así, os seus anceios de conquista leváronno a ter problemas coas principais casas galegas do momento, entre elas cos Sarmiento que tiñan no castelo de Ribadavia a súa máis prezada posesión. 

As disputas cos Sarmiento de Ribadavia leváronno, segundo as crónicas do momento, a chegar a un acordo cos condes ourensáns para repartirse o territorio para o cal estableceron que saíndo dos seus respectivos dominios, no lugar onde se cruzaran, alí marcarían a fronteira das súas posesións. 

Cando cantou o galo na alborada e o Sarmiento se ergueu e sacou a cabeza por unha almea do seu castelo en Ribadavia xa tiña ás portas a Pedro Madruga e ás súas hostes agardando pola chegada do conde quen, coa sorna características dos ourensáns, díxolle aquela famosa frase que deu orixe ao seu alcume: "Pedro, moito madrugas". 

Algo parecido lle está pasando a outro Pedro, pero ao revés. Trátase de Pedro Sánchez o último secretario xeral socialista coñecido polo momento que ve como o seu regreso ao poder está marcado por un sinfín de despropósitos. Así, unha vez que accedeu a facerlle caso aos seus conselleiros que lle dixeron que tiña que dimitir comezaron a caerlle todo tipo de desditas e traizóns. A máis sonada foi a de Antonio Hernando, logo seguiu un rosario de desercións nas súas filas que foron postergando o seu ansiado anuncio de que se presentaba oficialmente á reelección como secretario xeral e, agora, que o congreso do PSOE xa ten data de convocatoria vai e gáñalle pola man outro dos seus acólitos: Patxi López quen acaba de facer pública a súa candidatura ante a sorpresa de propios e estranos, entre eles o mesmo Pedro Sánchez que, en estado de sock, segue os acontecementos sin saber como reaccionar. 

Camarón que se durme lévao a corrente. É outro dos refráns populares cos que conta a sabedoría popular. A verdade é que nunha situación, cando menos rara, se atopa agora Pedro Sánchez onde ve como aquel que encumiou como a súa man dereita (ou esquerda?) como presidente do Congreso dos Deputados aparece en escena disputándolle o seu espazo político dentro da, teórica, oposición ás pretensións da vella garda socialista aglutinada en torno ao sector liderado por Susana Díaz quen, por certo, segue no cuarto da saúde agardando que se maten entre os seus oponentes mentras ela segue a ver os touros desde a barreira; un auténtico parapeto que lle proporciona a presidencia da Junta de Andalucía onde, por certo, segue a ser a candidata máis votada segundo se desprende dunha recente enquisa feita na comunidade autónoma que goberna. 

Pedro Sánchez deixou tanto madurar a situación para afrontar en mellores condicións o asalto definitivo á Secretaría Xeral do PSOE, envolto en lor de multitudes, que de tanto esperar non sei si se lle vai pasar o arroz, pero o que está claro é que a súa situación está collendo mala pinta e, incluso diría máis, está collendo barolo, ou non?

Comentarios