Opinión

Minguan os dereitos

ESTABA DESESPERADA. Aquela muller non tiña posibilidades de sosego. Os seus fillos mozos andaban polo mundo traballando, un apañaba cereixas no val de Okanagan, na provincia canadiense de Colombia Británica, a uns catrocentos quilómetros de Vancouver, e a rapaza, co seu mozo, traballa de camareira nun local montado para veraneantes na costa croata, no Adriático, concretamente en Dubrovnik, a seiscentos quilómetros de Zagreb. Ela choraba a lonxanía e a tardanza do retorno, miraba en Google Maps e desesperábase máis do que estaba. Non soportaba tanta distancia por medio.

Contratos por ducias cada ano, liquidación, finiquito e a volver empezar. Sen saber se mañá libra, sen horario definido, nin días de libranza, nin nada de nada

Que mal anda o mundo!, dicía a muller chea de razón e de sentimento. Uns tanto e outros con tan pouco. Ela, María Dolores, Lola para tódolos coñecidos (menos para a xefa), traballa na limpeza con contratos por substitución, por necesidades do servizo, por unha baixa de curta duración ou, se é o caso, por unha baixa de duración indeterminada, por un permiso de maternidade ou porque lle dá a gana ao xefe ou a xefa, ao responsable da empresa que ten a concesión e que limpa colexios, hospitais, casas de comunidades de veciños, almacéns de materiais ou o que apareza por diante.

Contratos por ducias cada ano, liquidación, finiquito e a volver empezar, sen saber cando nin ata cando. Sen saber se vai ir mañá ou se mañá libra, sen ter horario definido, nin días de libranza, nin nada de nada. Traballando e sen falar, como as compañeiras. E, as compañeiras traballan como mulas, por un salario de miseria que chega escasamente para mal comer. Un salario acordado cos sindicatos e negociado pola empresa e os representantes dos traballadores, os liberados con anos de experiencia no transcendente labor.

Pasoulle pola cabeza dedicarse á política, pero non deu o paso, non se atreveu, colleu medo e con el foi votar para axudarlles aos seus. O outro día, lendo o xornal quedou sorprendida e arrepentida "dese... medo noxento". "Unha deputada rasa, aínda que sexa a primeira vez que se inscribe na Seguridade Social, gaña máis nun mes do que eu cobro en medio ano", di esta traballadora que, como moitas outras vítimas da especulación e da desatención, ve como minguan, se ensomen e se consumen os dereitos das traballadoras e dos traballadores, tanto no plano salarial como no social.

Comentarios