Opinión

Máquinas, para todo

DÚAS MULLERES de mediana idade, sentadas nunha cafetería da súa cidade, debatían con serenidade sobre o uso e o mal uso das máquinas sempre presentes neste mundo do seu dominio. Para unha, o labor das máquinas é moi positivo e para a outra, é absolutamente discutible. Probablemente teña que ser, precisamente, unha máquina a que nos oriente das súas vantaxes e desvantaxes. Para moitos resulta chocante saír da casa, onde quedan varias máquinas funcionando, e atoparse cunha ringleira delas, das que ninguén é quen de separarse. Un caixeiro automático para sacar diñeiro, a fotocopiadora de moedas, a máquina do aparcadoiro de calquera barrio, miles de máquinas expendedoras de produtos varios e tropezóns constantes diante de diferentes aparellos que funcionan tragando moedas e sen dar cambio.

Hai máquinas que fan novelas, que pintan o retrato de quen vostede queira, que venden libros, auga ou pan, refrescos ou cervexa de máis e de menos calidade

Hai máquinas que fan novelas, que pintan o retrato de quen vostede queira, que venden libros, auga ou pan, chuvasqueiros, chocolate, zapatillas, manzanilla, todo tipo de refrescos ou cervexa de máis e de menos calidade. Hainas para todo e que fan de todo, incluso, fotos de fotomatón. As mulleres estaban desoladas e sorprendidas ao ver que as máquinas lles permitían vivir e comprar sen falar e sen coñecer a quen tiña que estar detrás do mostrador. Estaban asombradas da capacidade que tiñan para acatar ordes mecánicas e sentíanse máis libres, tan só dependentes dos propios aparellos, algúns deles de magnífico e atractivo deseño.

Debería estar ao servizo das persoas, pero cando só hai máquinas, xa se ve que as persoas traballan para elas, mentres aumenta o paro, a riqueza duns poucos e a maioría perde nas súas condicións de vida. A maioría sempre perde. E, canto máis perda, máis se agranda o negocio dos que sempre ganan.

A esta maquinaria, que pode ser destrutiva, os que se aproveitan dela envólvena no pano luxoso das innovadoras comunicacións, facendo ver que todo é progreso. «Grazas ás novas tecnoloxías, pódense facer transaccións en calquera dos mercados financeiros do mundo, sen saír da casa», din. A quen lle importa? Pódese facer de todo, incluso xogar ao fútbol dende a cama, como aqueles amigos virtuais que ao verse no barrio eran outros, absolutamente descoñecidos, o gordo do primeiro e o gordiño do terceiro da casa da esquina.

Comentarios