Opinión

Os tempos cambian

CADA MES de outubro, por estas datas, o comité Nobel adoita incomodar a uns e outros pola súa decisión de outorgar o galardoan ao candidato equivocado. Hai quen pensa que a Academia sueca ten a obriga de recompensar a certos países ou linguas, ou desagraviar a un membro dalgunha minoría esquecida en anos anteriores. Tampouco falta quen dubide dos méritos do premiado, tal e como ocorreu este ano con Bob Dylan. Por suposto que a elección deste cantautor supón unha anomalía dentro da historia do Nobel de Literatura, malia non ser a primeira. En 1953 Winston Churchill recibira o premio polos seus traballos de tipo histórico, así como pola súa oratoria. Ningún destes campos se consideran tecnicamente literarios; claro que esta etiqueta non é inmutable. Eu mesmo estudei no seu día a Vitrubio, un arquitecto romano, como un autor máis dentro da literatura latina, así como ao Padre Feijoo, como un destacado autor da Ilustración española, cando a súa produción consiste fundamentalmente en ensaios e correspondencia epistolar.

Os criterios de valoración do feito artístico, lonxe de permanecer estáticos, van mudando co paso do tempo. Por exemplo, cando comezou a andadura dos Premios Nobel, no mesmo inicio do século XX, apenas tiñan arraigo os estudos das literaturas en linguas vernáculas en toda Europa xa que só se consideraban dignas de estudo académico as culturas clásicas de Grecia e Roma. Así que hai que tomar o premio a Bob Dylan como un signo dos tempos. Efectivamente, a día de hoxe a lírica está moito máis estendida na súa forma musical que na clásica da poesía escrita (malia que na súa orixe tamén ten unha raíz musical). Tamén é certo que unha parte importante da divulgación do feito literario no momento actual se debe ao cine, grazas as adaptacións de novelas ou obras teatrais á gran pantalla. Curiosamente, dentro do currículo académico apenas se presta atención á sétima arte, de xeito que se priva aos alumnos de importantes ferramentas para á análise audiovisual. Seguramente, algún día o estudo do cine partillará espazo nas aulas co da literatura, o que fará soar algunha que outra alarma. Pero, por certo, aínda non dixen que se eu fora membro da Academia sueca quizá tampouco votaría por Dylan. A miña escolla, entre os cantautores, sería o canadiano Leonard Cohen. É unha cuestión de gustos, pero tamén hai a vantaxa de que Cohen é máis agradecido. Cando lle deron o Príncipe de Asturias das Letras en 2011 veu recollelo a Oviedo e entregou os cartos á universidade para o fomento dos estudos musicais. Dylan, tamén foi premiado pero apenas deu a grazas, e non puxo os pés en España. Cando lle outorgaron o Nobel xa tiñan que saber o que había.

Comentarios