Opinión

Bestialidade de interese cultural

DOUS GALOS non poden pelexar porque igual se fan dano, non se permite que un elefante sexa exhibido nun circo porque resulta un escarnio, pero un touro si pode recibir dous pares de aguzados palitroques nas costas, ser aguilloado con saña e agredido ata a morte con espada para goce de miles de persoas porque iso é cultura. Pois niso se basea o Tribunal Constitucional para eliminar a prohibición das corridas de touros en Cataluña, que se deben manter por interese cultural, asegura. Un asunto máis de enfrontamento entre Cataluña e España, entre a lexislación dunha e doutra, que agranda a fenda aberta non hai moitos anos, pero cada vez máis difícil de pechar. Parece como se declararse antitaurino se converta automaticamente en antiespañol, quizais polo erro de chamarlle a esta barbaridade pública festa nacional, sen ter en conta a salvaxada e bestialidade que representa.

Comentarios