Opinión

Aqueles almanaques

AGORA HOMES e mulleres, novos e vellos, posan espidos para calendarios. Adoitan facelo por causas que van desde a protesta até o apoio a actividades benéficas ou deportivas. Na maioría destes casos a intención erótica non parece que exista; mais si a de utilizar como engado a curiosidade da xente que coñece as persoas que prestan a súa imaxe. E, claro, tamén haberá quen os adquira simplemente porque comparte o obxectivo para o que se recada. 

Outrora, nos anos da ditadura ou, o que é o mesmo, do nacional catolicismo, a maioría eran de santos. Tamén había algúns de gatiños, cans, cabalos e outros animais, así como de monumentos ou paisaxes. De mulleres sicalípticas, nada. 

Non podo documentar a data de aparición dos calendarios que uns cualificarían de lúbricos ou lascivos e outros de artísticos como, salvando as diferenzas, o son esculturas núas que se expoñen, entre outros lugares, no Museo Capitolino de Roma. (Recorden que na visita a aquela cidade do presidente iraniano, Hassan Rouhani, ocultáronas para non ferir a súa sensibilidade integrista). Supoño que chegaron coa chamada época do destape e cubriron unha certa indixencia de imaxes dese tipo que, malia todo, circularon ao longo da historia entre aqueles que tiñan acceso a elas; tal foi o caso, por poñer un exemplo significativo, do rei Alfonso XIII. 

Xa que falamos de integrismos, dúas anécdotas: unha mestra, gran profesional por outra parte, cubría una páxina do libro ‘Pequeña universidad’, destinado ao ensino de adultos, porque nela figuraba unha fotografía dun cadro de Adán e Eva, só coa folliña de parra. Disque un cóengo mandou amputar o pequeno membro duns anxiños que rodeaban unha Virxe para evitar malos pensamentos nas devotas. 

E, volvendo aos calendarios, tardei en saber por que os de mulleres espidas acompañaban os camioneiros nas súas cabinas ou se podían ver, a miúdo, nas oficinas dos talleres mecánicos. Despois xa o entendín: son agasallos de Pirelli, Firestone e máis empresas fornecedoras de rodas e outras pezas para automóbiles. 

Editaba Unión Española de Explosivos, uns almanaques moi solicitados. Coido que a súa publicación arrinca en 1924 e o dese ano, como moitos despois, foi obra de Julio Romero de Torres. A empresa, que exercía así un mecenado cos autores, púñalles como condición que aquelas mulleres reflectisen na súa actitude algo relacionado coa fábrica de explosivos. 

O meu avó paterno, que tiña relación comercial coa firma, recibía cada ano, xunto co último encargo de produtos para a caza, unha destas morenas armadas de pistola ou escopeta. Seica o difícil era escoller entre os moitos pretendentes que lle saían.

Comentarios