Opinión

Cans soltos

ESTRAÑO PAÍS este con catro chanzos administrativos, central, autonómico, provincial e local. Dezaoito parlamentos, deputacións, concellos, uns ditando unha abondosa sementeira de leis, outros aprobando normativas de obrigado incumprimento, en cantidade tal que o sistema apenas pode dixerir, e sempre en perigo de colisión e anulación. Así nos vai. A xente do común observa abraiada como despois de cumprir coa cita anual coa facenda pública na declaración da renda, uns poucos chamativos e moi escandalosos casos con gravísimas contas pendentes coa xustiza e multas multimillonarias da axencia tributaria pasan os longos días de verán en praias exclusivas, moi ben acompañados, con iates e restaurantes de luxo, argallando modos e maneiras de escapar da xustiza polas inextricables fendas do sistema. Cans soltos son a infinita saga dos Pujol, el alicatado Bárcenas, Urdangarín, Rato, Mario Conde. Casos e rostros bronceados pola impunidade, algo socialmente demoledor cando a política esquece a pedagoxía.

Como síntoma menor e venial e só como exemplo cercano, o tema dos cans soltos. O amor polos animais acaba en moitos casos en divorcio: cans orfos abarrotando as canceiras municipais. Cans sen dono.

Sobre os cans debe de haber moitas normativas cruzadas. A máis evidente é a que di que todos deben ir atados con correa e, no caso de especies perigosas, correa e bozal. A norma, con tanta xente dedicada a dictalas e tan poucos a facelas cumprir, di que tamén se deben recoller os excrementos. Cousiñas que case todo o mundo fai menos unha minoría irreductible de desaprensivos que impoñen a súa lei: cans soltos asustando e molestando á xente, excrementos afeando parques e rúas, ás veces agresións, un termómetro que mostra a escasa temperatura cívica do país.

Pero, ai!, aquí somos así. A abondosa creación de leis é a mellor vacina contra o seu cumprimento. Publicamos normas precisas, puntillosas e abondosas, pero esquecemos a maneira de facelas cumprir. Suprimimos a necesaria e polo que estamos a ver, imprescindible educación para a cidadanía nun país con escasos valores cívicos que berra e ensucia moito, que fai trampas cos impostos, que escapa impune do ollo da facenda pública. Iso si, colamos no currículo estudos de dogmas que serven para a vida futura pero apenas melloran o presente.

Cans soltos alleos a toda normativa. Presuntos delincuentes, defraudadores e corruptos vivindo vidas moi exclusivas grazas á depredación de cartos públicos sen que as múltiples leis de dezaoito parlamentos lles alcancen. Como tampoco na cidade degradada, as normativas municipais chegan ata os cans soltos, eses animais tan civilizados que dan tanto a cambio de tan pouco, merecentes de levar con correa e bozal a algúns, graciñas a Deus só algúns, dos seus donos.

Comentarios