Opinión

Cuestión de carisma

IMPOSIBLE NON falar dos resultados electorais do domingo, aínda que pouco quede por dicir. Sen dúbida, Alberto Núñez Fejóo é o protagonista dunha carreira que xa tiña gañada aos ollos de todos (recoñecérano ou non). Tan seguro estaba de si mesmo que nos carteis electorais non había rastro das siglas do PP. O único que conservaban era a cor azul. Nada máis. Pero el sabía que lle ía saír ben. Porque en política sempre vale máis caer en gracia que se gracioso e Feijóo cae en gracia. Ten o carisma propio dos vellos políticos. Daqueles que eran iguais nunha tribuna que nun bar, no medio da Coruña que nunha aldea do Courel. Algúns din que foi algo que adquiriu co tempo. Eu digo que con iso nácese. Ou o tes ou non o tes. E el teno. Tamén o tiña Besteiro. Outro partido, outras ideas e outra forma de facer. Pero o mesmo carisma. Houbo un tempo en que todo parecía indicar que se verían as caras nas urnas, pero non chegou a ser.

Pero todo ten o seu lado negativo. Agora o PP galego é Feijóo e cando el xa non estea, ¿quen será? Encher o oco que deixa un político coas súas características non resulta sinxelo, aínda que sucesores é certo que nunca faltan.

Comentarios