Opinión

A doenza da liberdade

DÉBOLLE O título a Jodorowsky. O que fundou o movemento Pánico xunto con Fernando Arrabal e Roland Topor, di: «Os paxaros criados en gaiolas pensan que voar é unha doenza». Pánico vén de Pan, o deus Pan, que seica se manifesta no terror, o humor e a simultaneidade. Ao raciocinio aristotélico, opoñen o caos, defenden unha cousa e a contraria, a ausencia de leis e de mando. Non vou comentar o seu manifesto porque sería meterme a medir o vento a ferrados. Só quero engadir que, segundo eles teñen declarado, é unha loucura controlada co fin de buscar novos camiños para a humanidade.

Así é, para buscar novos camiños hai que ser extravagante (etimoloxicamente: «o que anda fóra dos límites»). Mais, como na ‘Mala reputación’ do cantautor Brassens, á boa xente non lle gusta que se siga un camiño distinto ao seu.

Farei, aproveitando estas cousas, un pouco ortodoxo campo semántico das eleccións pasadas e, a seguir, a súa glosa. E vaia por adiantado o meu respecto por todas as opcións políticas que, á súa vez, respecten. Habería que redifinir a tan invocada democracia.

Pánico (aquí co significado de «medo intenso»), paxaros criados en gaiolas, liberdade, boa xente e reputación.

Pánico a voar, a vagar fóra dos límites, a quebrar a tradición e ter que romper bouza para facer camiños novos, porque os vellos, como aquel do ‘Cousas ’ de Castelao, non levan a ningures.

Paxaros criados en gaiolas, que poden ou non corresponderse coa chamada, con ironía, «boa xente». Non convén caer na tentación de pensar que se trata só das persoas criadas na ditadura. Non é preciso ter nacido antes do 1975 para ser fillos dela. Tampouco estar nunha idade avanzada significa sempre posuír un pensamento reaccionario.

Liberdade, a máis grande e tamén a máis vulnerábel e vulnerada das aspiracións humanas, reducida para uns ao dereito de seguir oprimindo, ora por se lucrar, ora por impoñer credos relixiosos ou políticos; só entendida por certa maioría como o dereito de todo o mundo a vivir e deixar vivir. Profesada polos poucos que arriscan a existencia para que a ninguén lle falte.

Boa xente, tamén chamada xente ben pensante, a que concede os carnés de boa ou mala reputación.

Mala reputación, a decretada pola boa xente, a da boa reputación, para a xente extravagante, a que pretende romper o círculo vicioso.

De paxaros criados en gaiolas escribín unha peza teatral en 1981, despois do 23-F, para lles explicar aos meus alumnos o que era unha ditadura. Aqueles non entendían a liberdade como doenza, senón como lei escrita na propia xenética. Só se liberaron cando tiveron moi definida a fraga en que querían voar sen medo.

Comentarios