Opinión

Marea sen fondo

A NOITE electoral do pasado domingo deixounos moitas variables para o estudio e un único vencedor claro. Poñámonos como queiramos, pero é así. E non é outro que o Partido Popular que pasou de 123 a 137 escanos. A xulgar polos resultados, os da gaivota purgaron tó- dalas súas penas relacionadas cos múltiples casos de corrupción e as medidas impopulares de recorte e austeridade nos comicios municipais (onde incluso pagaron xustos por pecadores) e nas eleccións xerais do pasado 20 de decembro, quedando prácticamente inmunizado (casi bacinado) diante do electorado frente a novos episodios coa xustiza provocando, incluso, o seu rexurdimento como si dunha ave fénix se tratara.

Un manto azul cubriu por completo o mapa político-electoral en toda a xeografía do Estado Español agás Cataluña, País Vasco e Navarra. Incluso en feudos tradicional dos socialistas como Estremadura ou Andalucía, o PP impúxose con certa solvencia o que aviva o enfrontamento interno entre os socialistas.

Fronte a esta situación, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, mantivo o seu empecinamento en ofrecer unha versión un tanto particular da realidade onde se presenta representando unha pantomima como hipotético triunfador ao non se producir o sorpasso por parte de Unidos Podemos, e as candidaturas populares como En Marea, cando a verdade é que colleitou o peor resultado da historia deste partido na nosa recente historia democrática pasando duns malos resultados de 90 deputados a outros peores de 85. E non pasa nada.

Cidadáns, de Albert Rivera, foi outro dos damnificados da polarización (máis que previsible) entre o Partido Popular e Unidos Podemos, e as distintas candidaturas de unidade popular, provocando que diminuira en 8 escanos (de 40 a 32) a súa representación no Congreso dos Deputados. O electorado preferiu emitir un voto de centro-dereita xenuino, aprol do PP, que aumentar o apoio a un sucedáneo sin definición clara como é a laranxa mecánica de Rivera máis preocupado agora por buscar o feito diferenciador con Rajoy e o PP para non correr a curto prazo o mesmo destino que o finado UPyD.

No bando da esquerda transformadora tamén hai para repartir. No BNG seguen na incredulidade do resultado que fala dunha nova caída en picado do nacionalismo clásico galego ata posicións case que esquecidas nos últimos anos, afundido nunha porcentaxe de respaldo electoral que, de extrapolarse ás autonómicas, tería moi difícil entrar no parlamento galego, cuestión que é de esperar que emenden.

Os de Ana Pontón e Luís Bará a verdade é que suaron a camiseta e ofreceron un bo xogo con elegancia, argumentos, esforzo, traballo e saber facer, pero as bancadas estaban máis pendentes doutros que entraban en escena, En Marea, que con menor ímpetu e unha actitude ramplona durmiuse nos loureiros e acabou costándolle un escano en Ourense e sin avance cuantitivo algún a nivel do Estado.

Como di agora Errejón, ás veces dous máis dous son tres e non cinco como pensaban algúns e indicaban as enquisas ao longo dos últimos días, empeñadas en amosar unha visión que non correspondía coa realidade baseada non só nun sorpasso fronte ao PSOE senón incluso ante o PP.

Non imos pensar mal, pero como xa vou peiteando canas desde hai xa algúns anos dame a impresión de que alguén quixo utilizar os instrumentos demoscó- picos para dúas funcións: Unha, que os votantes do centro-dereita lle viran as orellas ao lobo e, outra, que a xente creuse aquelo de "que ven o lobo" do cambio de Unidos Podemos e En Marea e provocou a baixada do suflé mediático-electoral dos chicos de Pablo Iglesias. Refírome ao líder de Podemos porque Beiras nesta campaña nin estivo nin se lle esperou quizais molesto pola falla de benquerencia dos seus socios de En Marea ou porque prefire reservarse para outros menesteres, gardando a roupa a bo recaudo, sin mollarse por si sube a marea...

Ao final, pasou o que pasou, que uns venderon a pel do oso antes de cazalo e outros tiráronse á bartola botando as contas da leiteira sin darse conta de que sin unha estrutura organizativa firme, pegada ao terreo e con raíces profundas, a esquerda está condeada a ser xoguete mecido polos caprichos que move o vento, presa das modas e dos poderes mediáticos, ou non?

Comentarios