Opinión

O sincopado voo das bolboretas

A DIFERENCIA dos paxaros as bolboretas non cantan pero debuxan no aire trazos de beleza. Onde se esconden? Por que non vemos as cores do seu voo? "Os seres humanos -di J. Briejès- camiñamos pola natureza como paquidermos nunha cristalaría". Fala de herbicidas, aquí glisofato nas cunetas, insecticidas, pesticidas. Disfrazados hoxe de fitosanitarios, ao fin biocidas, eficaz vacina contra o voo das bolboretas.

O libro Primavera silenciosa? (Rachel Carson 1962) segue a ser lectura inquietante. Un mundo feito só á medida humana acaba sendo inhumano se ignora a plantas e animais que conviven connosco, compartindo e configurando o medio. Nun dos capítulos do libro lese que en áreas cada vez máis extensas xa non se escoita o canto dos paxaros. As mañás, estrañamente silenciosas, van perdendo as cores, a beleza gratuíta dos rechouchíos. Décadas de abondosa sementeira química está a baleirar os campos de insectos e con eles, destes amigos alados. Noticias miúdas falan do gorrión que nos acompañou sempre e ve disminuída a poboación nun 40%.

O mesmo está a ocorrer nos ríos onde escoan veleños químicos, diezmando vida e peixes. Sensación de abandono, morte masiva dos amieiros que caen e ninguén retira impedindo o paso e a limpeza da auga co resultado dunha acelerada regresión da troita autóctona. "Mexa unha vaca e nacen troitas", di o refrán, pero agora a raíña dos ríos leva no lombo data de caducidade.

Xusto cando a carón do río cruza unha bolboreta. Chama a atención o voo solitario. Que está a ser delas? A busca en internet acende as alarmas. Imprescindibles bolboretas con cores e formas rechamantes. O seu voo sincopado, a súa fraxilidade esmorecen nunha terra que degrada o hábitat co lume, o urbanismo descontrolado ou a invasión do eucalipto que expulsou a tres cuartas partes das bolboretas. Aínda conservamos unhas 500 especies de lepidópteros que buscan refuxio nas zonas de maior biodiversidade, as montañas do leste galego.

Cómpre reivindicar a existencia destas xoias silandeiras que pasan desapercibidas. En Europa estase a producir outro efecto bolboreta: fitosanitarios, monocultivo, acelerada perda de pradarías e quentamento global está a expulsar ao 95% das especies máis coñecidas. As bolboretas son o segundo grupo máis abundante de toda a biodiversidade con máis de 150.000 especies no mundo. Son bioindicadores da saúde dos ecosistemas e importantes polinizadores. O das bolboretas é o que lles está a pasar a moitos insectos, menos visibles e rechamantes, e tamén ás aves ligadas a zonas agrícolas en declive.

Se o silencio se apodera da primavera de Galicia xa non veremos o voo eléctrico, sincopado, infinitamente fermoso das nosas bolboretas, fráxiles insectos que tamén terman da vida.

Comentarios