Opinión

Palabras de amor

ACABABA DE reler estoutro día Masculino singular, o último libro de poemas de Carlos Negro, para redactar unhas notas críticas sobre el. Traía polo tanto na cabeza moita brincadeira e moito xogo verbal e icónico que, máis que o enredo, procura a reflexión e a denuncia sobre usos e abusos que teñen na súa orixe nunha suposta superioridade do xénero masculino. O poemario fai reparar en evidencias varias, como a posesión ou a violencia de xénero, ao tempo que leva a cabo a exploración e construción dunha identidade masculina alternativa, exercicios estes pouco frecuentes na literatura galega. Ademais de revisar non poucos tópicos herdados, Masculino singular cuestiona un imaxinario fortemente potenciado desde a linguaxe da publicidade. No mapa da poesía galega actual, o libro debe enmarcarse, por unha banda, nas correntes de escritura política e, neste caso, tamén paródica que agromaron dos noventa en diante; por outra, nas poéticas de xénero. Se atendemos á traxectoria persoal de Carlos Negro, o poemario forma parte dun proxecto sólido que vén desenvolvendo desde hai xa máis dunha década. Trátase dunha literatura de intervención que, botando man do humor e do ludismo, aborda conflitos do noso tempo como a destrución da natureza, a violencia, o consumismo ou os estereotipos de xénero. Afinando algo máis, teriamos que situar este volume á beira da súa anterior publicación, Penúltimas tendencias, aparecida nunha colección xuvenil, e que, bosquexa un modelo de adolescente alternativa ao tempo que fai unha elocuente caricatura da tiranía dos mercados, os hábitos de consumo e outras dependencias.*

Viña, como digo, de ler Masculino singular, e de pensar na función que, máis alá da estética, poden desempeñar publicacións coma esta. Pensaba tamén na posíbel recepción destes libros por parte dun público, masculino pero non só, que naturaliza comportamentos sexistas e que mesmo pode facer brincadeiras acerca das esaxeracións representadas por Carlos Negro nos seus textos. Nestas cousas maquinaba cando os meus ollos bateron sobre unha pintada nova no cóbado dunha calella. Pola súa situación, a pintada semellaba puntualizar outra, ben romántica e escrita con perfecta caligrafía: "Aínda que os teu ollos marchen sempre están dentro dos meus". Nunha cor sorprendentemente rosa, cunha caligrafía vacilante, sen ningún signo de puntuación e con algunha falta de ortografía, alguén escribiu debaixo: "Quererte es como volver a ser un niño. Te quiero solo a ti. Te quiero solo para mí". Outra pintada na que tanto o autor como moitas persoas que a leron verán tamén romanticismo e palabras de amor, e que a min me levou aos versos de Masculino singular que acababa de deixar pousados na mesa. Cousas da lectura, tamén nas paredes e nos muros.

Comentarios