Opinión

As primarias

BEN CERTO é que non temos aínda cultura asentada de celebración de eleccións primarias dentro de cada un dos partidos que permitan escoller, dun xeito máis ou menos democrático, ao candidato correspondente para as gañar unhas eleccións.

En España comezan agora a facerse os primeiros experimentos, con tres modelos claros. Os do PSOE, fundamentado nunha sorte de eleccións que se celebran un día concreto, e no que os militantes escollen ao candidato máis votado; o de Podemos, que buscan nun referendo asembleario, aínda que a través das novas tecnoloxías, aos candidatos propostos por unha dirección; os do PP, cun modelo moito máis orgánico onde non hai oportunidade para que opinen directamente os militantes, senón os correspondentes representantes.

Noutros países, moito máis experimentados nestas lides, o modelo é moito máis complexo. Nos Estados Unidos, por exemplo, cada candidato ten que loitar, vila a vila, os votos necesarios para poder seren nomeados, o que provoca que durante uns seis meses teñen que estar de elección en elección.

En calquera caso, ningún é válido se despois das eleccións non é posible crear un goberno. O modelo español de elección provoca que a cidadanía no seu conxunto non ten oportunidade de votar a un candidato, senón a un partido que logo no Congreso elixe a un presidente. Iso funcionou máis ou menos ben sempre, aínda que con algún susto importante, ata chegar ás eleccións de decembro do ano pasado. Ese modelo de consenso quedou claramente esnaquizado polos deputados, que non lograron acordar a investidura dun candidato. Polo tanto, de nada valen as primarias, por moi sans que sexan, se logo no hai posibilidade real de votar ao señor ou señora en cuestión.

Corremos o risco de montar un novo modelo onde o futuro presidente só se someta directamente á decisión dos seus militantes, nunha soa votación, asumindo unha lexitimidade que se pode perder cando non logra ser elixido polos seus colegas deputados.

O sistema electoral español estaba deseñado para unha época concreta, e funcionou. Daquela decidiuse que a representatividade tiña que ser territorial, das provincias concretamente, o que provoca importantes danos a partidos coma Izquierda Unida, capaz de xuntar máis votos que a defunta CIU, pero con dez veces menos deputados. Tamén se decidiu que non había nin segunda volta, nin voto a candidato, senón a partido político. Os lexisladores da época estaban pensando neles, e pouco sospeitaban que trinta anos despois os seus sucesores non comprenderían o modelo do pacto.

Deberamos aprender algo deste lea e iniciar, con calma pero con contundencia, unha reforma electoral que impedise estas cousas e que crease mecanismos máis garantistas dentro dos procesos internos dos partidos, que ao fin e ao cabo, son institucións imprescindibles para o Estado. Só así iremos avanzando, aínda que sexa a conta dos nosos propios erros e non con modelos experimentados noutros lugares que pecaron da mesma inxenuidade que nós agora. Iso si, con cen anos de diferenza.

Comentarios