Opinión

De política con un par...

ESTES DÍAS está de actualidade un tándem formado polo ex alcalde José Rivas Fontán e o xornalista, que foi redactor desta casa, Adrián Rodríguez por mor da publicación dun libro, a modo de biografía pseudoautorizada do ex rexedor de Pontevedra capital, como lle gustaba recalcar ao protagonista deste traballo de máis de dous anos de elaboración.

Precisamente, asistindo á presentación deste libro, nun abarrotado Teatro Principal, lembrei como, curiosamente, a primeira entrevista que fixen na miña vida foi a José Rivas Fontán, auténtico xenio e figura e político do seu momento. Naquel tempo eu era alumno do Colexio Menor (ou xa era Nacional?, non me lembro ben…) Atlántico e membro do equipo de redacción que elaboraba a revista estudiantil Aturuxo e o profesor Calviño, coordinador do proxecto, leváranos no seu desvencillado coche, creo que un Seat 850 ou 127 branco, ata o colexio da Xunqueira para realizarlle un cuestionario ao alcalde capitalino.

A min impresionoume moitísimo. Era alto y cun sorriso permanente pero cun tono de voz que impactaba. Fúmoslle facendo as preguntas por riguroso turno ata que o alcalde consultou o seu reloxio e comezou a poñerse incómodo porque non daba terminado ese interrogatorio que debía ser entre trivial e pueril e que acabou consumindo a paciencia do alcalde que apurou a situación cun "vaian rematando".

A verdade que eu quedei impresionado por aquel home co que volvín tropezar anos máis tarde cando, despois de moitas xestións infructuosas, recibiu a un grupo de mozos e mozas que formabamos a executiva do chamado Consello Local da Mocidade de Pontevedra, órgano consultivo xurdido ao albor do Consello da Xuventude de Galicia, impulsado polo goberno tripartito e cuio primeiro presidente foi o ex ministro de Fomento Pepe Blanco.

Rivas metéuselle entre cella e cella que non tiña por que recoñecer a este órgano consultivo formado por organizacións xuvenís de todo tipo: sociais, culturais, políticas, sindicais e ata estaba a OJE e os Scouts. "Non é non" e seguiu sendo non. Por mediación de Novas Xeracións (entre os que estaban xóvenes promesas do futuro PP de Galicia) forzouse, nunca mellor dito, unha recepción no Consistorio dos imberbes membros deste Consello Local da Mocidade de Pontevedra que fumos recibidos a portagaiola polo propio Rivas Fontán que nos espetou directamente, coa súa sinceridade habitual, "a mí nadie me va a obligar a reconocer a nadie ni aunque me lo pidan a punta de pistola" e sin máis, deu media volta e sentouse nun sillón que había no seu despacho.

Non houbo maneira, nin polo civil nin polo criminal pudemos convencer a Rivas Fontán das bondades deste órgano de participación xuvenil e de relación coa administración local. Tivemos que saír do seu despacho dispostos a iniciar un exilio municipal albergados na Casa da Xuventude (dependente da Xunta do tripartito) á espera de poder dispoñer dun local municipal, como era menester. Non sucedeu nunca. Os "nons" de Rivas eran irrevocables…

Desde logo, quen tivo a oportunidade de coñecer a Rivas Fontán terá mil e unha anécdotas que contar, ao igual que aparecen no magnífico e ameno libro que escribiu maxistralmente Adrián Rodríguez quen coa súa fina pluma, un linguaxe directo, sinxelo, dinámico e atractivo vai recollendo todo un ronsel de confesións de parte do ex alcalde capitalino que, seguro que moitos matizarían, pero que constitúen un relato de cando a política se facía dun xeito moi peculiar, con moita vontade e, moitas veces, con máis testosterona da desexable. Era un xeito de facer política que agora non tería sitio, pero que antes era o elemento catalizador para que as cousas se puxeran en marcha aprol do ben común interpretado dun xeito moi particular por cada un deses animais políticos que poboaban a selva política galega e española da Transición.

Felicidades aos dous, a Rivas e a Adrián, por un legado que facía falla deixar por escrito dun tempo pasado, nin mellor nin peor, diferente ainda que seguro que en máis dunha destas historias habería quen estaría disposto a ofrecer outra versión, xa non digo diferente, pero polo menos complementaria…

O libro non só levantou a expectación entre o público, senón tamén entre os colegas de profesión a honra de tratar ou padecer a Rivas Fontán. De entre eles, un dos máis veteranos díxome: Un libro sobre Rivas Fontán tiñao que escribir alguén que non o coñecera antes. E algo de razón ten, ou non?

Comentarios