Opinión

O pasado e o futuro

POBRES TOLOS que non saben que os homes poden ás veces cambiar o futuro, nunca o pasado», así se expresa o narrador en primeira persoa do relato ‘As tumbas de Saint-Denis’ de Alexandre Dumas, pai. É o director do Museo de Monumentos franceses que asiste en 1793 á exhumación dos restos dos reis alí soterrados porque, como explica tamén, o pobo non se conformara con mandar á guillotina a Luís XVI e quería estender o seu odio a toda a estirpe real destruíndo cincuenta e unha tumbas, a historia de doce séculos. Non continuarei cun conto que, se teñen estómago e gustan do xénero, poden ler en ‘Las tumbas de Saint-Denis y otros relatos de terror’ co que a editorial Valdemar inicia a publicación da obra que Dumas titulou ‘Os mil e un fantasmas’. Eu só pretendín contextualizar as palabras coas que inicio este artigo.

Son unhas palabras que, aínda que o pareza, non coliden coa opinión de don Ricardo Carvalho Calero, quen aseguraba que a historia podía e debía ser rectificada. Entendo que apelaba ao aforismo de Herodoto, repetido por Cicerón: «A historia é mestra de vida». Por moito que non se poda cambiar a corrente do río e as augas sexan sempre outras, o seu fluír, como a vida, é unha lección para non desaproveitar.

Porén, son moitos e moitas os que se dedican a refacer o pasado para xustificar as súas decisións. E si que atinan ao consideraren que o futuro é fillo do pasado, mais engánanse cando o manipulan porque, malia todo, o pasado, inmutábel, regresa como os fantasmas de Alexandre Dumas a reclamar a súa verdade.

Neste novo e non desexado período electoral, habemos ter ocasión de comprobar o que afirmo apoiándome nas palabras que cito, máis autorizadas que as miñas. Será ben que acudamos á nosa memoria e, se esta non nos responde, ás hemerotecas, para asegurármonos de que non nos están manipulando xunto co pasado.

Aínda recoñecendo o dereito á ambición política, resulta chocante como algúns apelan á súa vocación de servizo para cambiaren de organización e, como nun descoido freudiano, se lles escapa que queren xogar a cabalo gañador. Nada que lles reprochar, faltaría máis. O inxusto é fabricar ou facerse eco doutros motivos, facilmente contestábeis se imperasen os argumentos e non os mantras. E digo mantras por non falar de slogans ou frases publicitarias. Porque, á fin, parece que todo se reduce a iso.

Os fantasmas dos relatos de Dumas viñan de tempo atrás. O último dos nosos apenas tivo tempo de atopar a súa saba branca nin de que se lle enferruxasen as cadeas. É o destes meses na aparente inopia, de declaracións contraditorias e acordos imposíbeis. É a ausencia no eco do Congreso dun nome: Galiza.

Comentarios