Opinión

Dúas festas

SE AS eleccións son as festas da democracia, este ano os galegos imos ter dobre ración de romarías, pero desas nas que os do palco son uns pregoeiros empalagosos e onde as peregrinacións non se fan detrás dun santo patrón senón cara unha mesa onde varios veciños con desgana comproban como metemos o sobre sorpresa na urna. A primeira cita festeira que imos ter, só dous días despois do lume purificador do San Xoán, vai ser coma ir de dobrete, porque todo o que vexamos de aquí ao 26-N vainos parecer que xa o vivimos a noite anterior. Ademais, como o peto xa non avulta tanto como o primeiro día de festa, máis dun partido vai ter que facer un ‘sinpa’, porque tanto gasto non hai 3% que o ature. Logo virá de novo a resaca electoral e, se como di a enquisa do CIS a maioría imos repetir combinado e marca de espirituoso, o máis lóxico é que se volvan repetir os pases de baile que estivemos vendo desde decembro pasado. E entrementres pasa o verán de verbenas e romarías auténticas, á volta de vacacións aos galegos vannos citar noutra festa democrática para decidir se o presidente que amagou con marcharse á francesa segue encabezando a conga ou se preferimos facer un corro de muiñeira, deses que tan difícil resulta coordinar cando xa está ben entrada a madrugada. Din que Galicia é a terra das mil festas e se cadra por iso non nos inmutamos por estas dúas que nos anuncian.

Comentarios