Opinión

Todos teñen o rostro de Richard Harris

DIRIXIDA POR JIM Sheridan e baseada na obra teatral de John B. Keane, estreouse en 1990 a película ‘The Field, ‘El Prado’ na súa versión española. Coido que é unha gran película, á altura doutras do seu director, se cadra máis coñecidas (‘Mi pie izquierdo’, ‘En el nombre del padre’).

Sucede na Irlanda de 1939 e seica se inspira nun feito real. Bull (Touro), o principal protagonista representado maxistralmente por Richard Harris, leva en arrendo un prado como xa o fixera durante moitas xeracións a súa familia, os McCabe. A dona dese terreo, unha viúva nova, decide un día vendelo en pública subhasta. Touro persuade os veciños, cando non os intimida, para que non entren na puxa. Quere mercalo el para seguir coa tradición familiar. Con moitos sacrificios, foi xuntando os cartos e xa se ve dono daquela propiedade. Porén, aparece un forasteiro norteamericano que sobe a oferta até onde McCabe non pode chegar.

A escena final estremece: Touro, a barba longa e branca tal un patriarca bíblico, a loucura ou a ira nos ollos, talvez ambas a un tempo en explosiva amálgama, axota as vacas que tantos anos paceran alí cara ao precipicio, un acantilado moi alto sobre un mar avolto.

Lendo estes días as noticias sobre vacas mortas ou a piques de morrer de fame, lembrei o filme irlandés. Imaxinei os donos das granxas e a todos lles vin o rostro de Richard Harris. Aínda que non teñan a súa feitura de patriarca bíblico, estou certa de que os ollos lles brillan igual. Ou se cadra non, porque diante da derrota as reaccións poden ser diversas. Tolean uns, séntense esporeados outros pola rabia e mesmo hai quen se paraliza e se deixa enchoupar pola desgraza, como se dunha chuvia negra se tratase.

Ben seguro que ninguén denunciou a Touro por maltrato animal. Eran tempos en que a sensibilidade neste aspecto non chegaba a tanto. Mais, sobre todo, porque os veciños sabían que aquel home coidaba e quería as súas vacas. Entenderon que só o desespero o levara a esfragar tanta facenda.

Calquera gandeiro ou gandeira que non goce da fortuna duns poucos, eses que non teñen tanta dependencia dos pensos por posuíren herba e pastos, prados en definitiva, xulgará con benignidade as persoas que son noticia por teren desistido de alimentar as vacas. Saben na propia carne as que está pasando o sector leiteiro e temen que as súas explotacións teñan unha fin semellante.

Non sei se sobra leite ou se o fan sobrar os que o traen de fóra tirando prezos; pero do que non dubido é de que faltan políticas económicas, planificación e orientación nomeadamente, para que o noso rural teña futuro. E nós con el.

Comentarios