Opinión

Tácticas audiovisuais en política

MUDAN algunhas formas de campaña, ou precampaña, que case é o mesmo excepto na petición directa de voto, que non se pode facer ata o venres, como se antes cando sae un candidato non leve implícita a solicitude de apoio nas urnas. Algún método como o do mitin mantense, e iso que se está máis pendente de conectar en directo coas televisións que todo o resto que se poida dicir. Porque a tele, incluso máis cás redes sociais, é o formato preferido para a promoción política. Así, os candidatos non teñen reparos en acudir a programas de entretemento, ou incluso, como fixo o presidente do Goberno, comentar partidos de fútbol. Non estraña entón que con tanta promoción audiovisual este mesmo candidato non saque tempo para un debate cos outros tres principais aspirantes a gobernar España. Porque contrastar ideas parece peor estratexia cá de fomentar a imaxe. Son tácticas.

Comentarios