Opinión

Europeos de primeira e de segunda...

DESDE AS INSTITUCIÓNS da UE levan tempo inoculándonos no ADN da nosa condición de europeos a necesidade ineludible de que é obrigatorio para tódolos países da unión monetaria cumprir co obxectivo de déficit marcado polas autoridades europeas, baixo amenaza de severos castigos e inxerencias nas soberanía económica de cada país polos homes de negro. Tanto é así que en España chegamos a reformar, por vía de urxencia, o famoso artigo 135 da Constitución para introducir o concepto de estabilidade orzamentaria e o déficit cero para que os prestamistas poideran ter garantías de cobro da súa usura.

En plena crise existencial británica sobre a conveniencia de realizar un referendo sobre a posibilidade de abandonar a Unión Europea asistimos a unha nova cerimonia da confusión que ten como causa a imposibilidade do cumprimento do déficit público francés, un dos principais países que conforman a UE.

Esta situación non é nova xa que no ano 2014 o goberno galo anunciara a súa disposición a incumprir o límite de déficit imposto por Bruxelas toda vez que a crise económica e os recurtes prantexados polos sabios da economía europea non eran vistos con moi bos ollos pola opinión pública e o presidente da República, o socialista François Hollande.

Ao longo do presente ano a desviación orzamentaria entre as previsións europeas e os datos aportados polos responsables da economía gala ía aumentando perigosamente ata o extremo de que, coa intención de correxir o problema, a diferencia de criterio foise mudando por ameazas veladas que acabaron aflorando a través de anuncios concretos de sanción.

Esta insinuación de Bruxelas supuxo un forte golpe na liña de frotación do orgullo patrio francés que atopa agora nos atentados de París unha coartada perfecta para non acadar o déficit previsto ante a comprensión dos responsables económicos europeos que, en honor á verdade, non sabían como explicar o previsible desplante galo a través dun déficit incorrexible. Agora a escalada bélica e vingativa na que se acaba de embarcar François Hollande será a convinte cortina de fume que utilizarán as autoridades europeas e francesas para explicar axeitadamente por que Francia non é España ou Portugal cando se trata do cumprimento do déficit.

Esta situación pon de novo sobre a mesa a distinta vara de medir coa que se teñen que enfrontar diariamente os países que compoñen a Unión Europea. Cambian moito as cousas si un país está na órbita Londrés-París-Berlín que si está no grupo denominado dos PIGS (Portugal, Irlanda, Grecia e España) onde o sagrado é o cumprimento do déficit público marcado pola UE, caia quen caia.

O austericidio só parece eficaz e efectivo cando se aplica a países cuios traballadores pretenden situarse en niveis mileuristas e disfrutar de parte do estado do benestar do que dispoñen os seus homólogos do norte de Europa ou dos chamados países fundadores da UE.

Aínda que a crise ten unha dimensión mundial non afecta por igual a tódalas economías sobre todo á hora de atopar fórmulas para saír airosos da crise. Agora, cando son os grandes os que non cumpren rápidamente aparecen solucións, a modo de coartada, para verse exentos de responsabilidade sin deslexitimar as obrigas que deben cumprir os de sempre.

Mentras sigamos asistindo impasibles a dous tipos de varas de medir non seremos capaces de construir unha auténtica Europa social das persoas en lugar dos intereses das grandes economías e dos mercados, ou non?

Comentarios