Opinión

Estudantes

EN GALICIA somos poucos, moi poucos, 2.731.406 habitantes e destes , segundo os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística, o 16,5% son nenos e nenas, mozas e mozos estudantes, uns 450 mil, distribuídos nos distintos niveis de ensino. Son a mostra de que a sociedade está viva e o futuro asegurado. Son de Ensino Primario, de Ensino Secundario, de Formación Profesional, de Ensino Universitario, das distintas disciplinas e materias sobre as que se debe e se pode aprender.

O dicionario define ao estudante como «persoa que cursa estudios nun establecemento de ensinanza». Hai e non hai moitas diferenzas co que era na Idade Media, cando comezaron as universidades, como comunidades de mestres e estudantes orientadas ao ensino e tamén á produción de saber. Xa naquela época se facía investigación, a través dos debates, das discusións e polémicas xeradas en torno a determinadas temáticas. O home foi sempre creando coñecemento e transmitíndoo dunha xeración á seguinte, baseándose no esforzo e no traballo, nunca por xeración espontánea. Nunca!

Os estudantes, na actualidade, fan valer os seus dereitos e atenden diariamente os seus múltiples deberes


Os estudantes, na actualidade, fan valer os seus dereitos e atenden diariamente os seus múltiples deberes, sabendo -como sabía Einstein- que «o estudo non é unha obriga, senón unha oportunidade». Unha oportunidade tamén para contribuír a un mundo mellor e máis xusto, para poder seguir soñando coa liberdade e para saber que liberdade é, fundamentalmente, responsabilidade.

Unha oportunidade para facer que Galicia avance, que medre a súa capacidade produtiva de calidade, que se enraícen aquí os procesos de transformación e que se valore a riqueza natural, cultural, paisaxística, arquitectónica e artística que posúe esta terra.

Hoxe, no máis alto nivel de estudo, na maioría das universidades europeas, entre o estudantado, as mulleres son máis que os homes. Na Universidade de Santiago de Compostela, nos Campus de Lugo e de Santiago, son mulleres aproximadamente o 62%. O mesmo ocorre nas outras universidades do Sistema Universitario Galego. En todas, os estudantes, homes e mulleres, son o mellor delas, a riqueza do futuro. A bo seguro, serán quen de adquirir amplos coñecementos e as destrezas necesarias para aplicalos na práctica.


Comentarios