Opinión

Feijóo teno máis difícil que Rajoy

COMO É NORMAL no noso país, asistimos estes días a un sesudo debate sobre o resultado do pasado derbi entre o Atlético de Madrid e o Real Madrid. Un empate que non deixou satisfeito a ninguén e onde os adestradores de café, ou de taberna, xa comezaron a desenterra-la machada de guerra contra Rafa Benítez poñendo en dúbida a súa idoneidade ante a súa decisión de cambiar a Benzema antes de remata-lo encontro.

En definitiva, debátese si Benítez renunciou ou non ao seu papel de favorito. Acúsaselle de ser vítima do medo escénico no Vicente Calderón e de adoptar a táctica de “amarrategui”, que non é un xogador basco, aínda que polo nome parecera, e optara por pechar atrás ao seu equipo implorando, no empate, aquelo de “Virxenciña, virxenciña, que me quede como estou…” e non perder a honra e os puntos no campo do Manzanares.

Algo parecido está a suceder noutro foro onde os galegos temos tradicional predicamento: A análise política.

A crise de goberno posta en marcha de xeito maxistral polo presidente Feijóo para enmascarar, ou diluir, o cese fulminante da conselleira de Sanidade, polo “affaire” do novo Hospital de Vigo, cumpriu á perfección o seu cometido. Galicia ten novo goberno para afrontar o ano que lle queda a esta lexislatura, que Núñez Feijóo exprimirá ao máximo para tentar chegar, no tempo de desconto da prórroga, a conseguir o gol definitivo que precisa para recuncar en San Caetano.

Non o ten doado. Ten un ano aproximadamente para mudar a súa imaxe pegada ao “austericidio”, destes tres anos da súa lexislatura, para afrontar agora un amplio programa social que convenza aos galegos e ás galegas de que deben confiar no Partido Popular, nesta nova etapa, que sería a súa terceira, si consegue a maioría absoluta.

Máis doado o ten o Partido Popular, a nivel estatal, en poder consegui-lo seu obxectivo de manterse no goberno grazas a un panorama político máis atomizado e onde o PP (que non Mariano) podería ser a forza máis votada e apostar por manter unha tradición non escrita que di que en España goberna sempre o partido co maior número de escanos aínda que a aritmética electoral permitira facer calquera tipo de amalgama ou componenda política.

O PP ten en Cidadáns (cada vez menos) un posible aliado, que poría como condición a non continuidade de Rajoy. Esta solución “polo ben do país”, etc., etc. sería un sacrificio que o partido da gaivota tería e podería asumir sin desgarrarse máis do necesario as súas vestiduras. Pero, e en Galicia?

Aquí Feijóo, e o PPdeG, teno máis difícil. A auxe das Mareas, o propio PSdeG-PSOE e os irreductibles do BNG teñen interese e posibilidades de chegar a un entendemento, mentras que a opción de Cidadáns en Galicia non deixa de ser unha cuestión testimonial con falta de presenza organizada a pé de obra.

Pode ser que o efecto mediático de Albert Rivera pudera catapultar a un “merlo branco” que quixera encabeza-la candidatura nas vindeiras eleccións autonó- micas galegas, pero quizás non tería suficiente percorrido como para absorbe-los votos descontentos do centro-dereita que, presumiblemente perderá Feijóo nesta contienda.

Feijóo ten a urxencia de atopala fórmula máxica que lle permita convencer á cidadanía de que despois de “rescatar” á economía galega, agora, lle toca ás persoas, ás clases medias, aos traballadores, aos autónomos, aos pequenos e medianos empresarios e, sobre todo, á inxente lexión de desempregados que en Galicia supoñen un grave problema ao ser a nosa poboación unha das máis envellecidas de Europa cos conseguintes déficits que esto acarrexa na engranaxe produtiva, no cobro-pago de pensións, etc.

Por outra banda, Feijóo ata o de agora xogou á carta dos grandes medios, sobre todo dos estatais e tamén galegos, para explicar e divulga-los seus logros e propostas políticas, pero nesta ocasión a convicción dos votos vaise ter que xogar nas pequenas cousas, na cotidianidade, vila a vila, pobo a pobo, rúa a rúa e casa por casa e, aínda así, non sei si lle darán as contas…

Acordámonos de Santa Bárbara cando trona, dise na miña aldea, e en política tradúcese, ademais de por volver a recolocar as consellerías de infraestruturas, medio ambiente, rural e mar como estaban; pola posta en marcha dunha consellería de Política Social, ou non?

Comentarios