Opinión

Información ao consumidor

DISE NA normativa comunitaria que a necesidade de etiquetar os bens alimentares que están procesados é para respeitar os dereitos dos consumidores. Aceptado que así fose, reclamaríamos en primeiro lugar información que sexa lexíbel; contido dos totais dos elementos que entraron na composición do adquirido e o uso de denominacións exactas dos componentes , non xenéricas. Mesmo sería interesantísimo coñecer as cantidades e non só a enumeración dos ditos componentes. Hai unha prolixa, abundantísima, lexislación sobre o etiquetado pero tamén enormes diferenzas de trato legal entre uns e outros alimentos, polo que os dereitos dos consumidores non son respeitados. Atopamos fortes discrepancias entre o que desexan os consumidores avisados e / ou ben informados e o contido do etiquetado autorizado que circula polas tendas. Comparemos o etiquetado do pescado fresco e do pan.

O etiquetado do pescado fresco contén de todo agás o nome do capitán do buque e a súa idade. Infórmanos de tantas cousas que non lle interesan a ningún consumidor que, agás que responda a unha mada de medidas burocráticas absolutamente inúteis e cansativas, non ten explicación nen lóxica comercial. Sábese, lendo a etiqueta, o nome comercial do pescado, o seu nome científico, lugar onde foi capturado, o método de captura, o día do desembarco, o nome do barco e unha indicación da data de consumo. Logo poderíamos examinar -en igualdade de profusión- o etiquetado dos ofrecidos frescos desconxelados, dos mariscos...

O pan pode ser expendido sen envasar (mesmo sen envoltorio particular) e, por suposto, sen etiqueta. Cando trae etiqueta podémonos atopar coa seguinte enumeración de componentes: fariña de trigo, auga, lévedo, sal, antiaglomerante E170, emulxente, lecitina de soia, axente de tratamento da fariña E300, enzimas. E pode conter trazas de ovo, leite, froitas de casca. E todo isto en tamaño de letra só lexíbel con lupa.

Pregúntome: que é un antiaglomerante; que vén sendo un emulxente; esperaríamos que o pan levase lecitina de soia?, de que enzimas estamos falando; cal é o axente de tratamento das fariñas... (deberíamos esixir o tipo de trigo co nome científico do trigo usado, a súa procedencia, e o tipo de cultivo). E, ademais, en que cantidades por cento ou en termos totais entran eses ingredientes. No caso da cantidade de sal, é especialmente importante, xa que está absolutamente contraindicado en termos de saúde, un consumo diario de máis de 5 gramos de sal, segundo ten estipulado a Sociedade Española de Cardioloxía. Aquí consómese unha media de 11 gramos diarios, e é imprescindíbel conseguir a diminución por necesidades de saúde. A dita Sociedade médica recoñece que, case a cuarta parte do sal diario consumido está no pan, mais, se non hai obriga de sinalar o contido que hai en cada presentación de pan comercializado, mal pode informarse o comprador. Se perseguimos unha defensa dos intereses dos consumidores, non é aceptábel que non se especifiquen as cantidades de cada elemento e o nome real dos denominados ‘axentes autorizados’ xa que os consumidores non adoitamos ler o Boe nen o DOG para comprar a comida.

Comentarios