Opinión

Proxecto, programa, ilusión

NON HAI MOITO tempo que me vin inmerso na comunicación dunha campaña electoral e recuperei unha serie de documentos que me serviran de base para enfrontarme a outro proxecto similar de hai uns seis anos. Dous libros marcaron a filosofía que tentei transmitir aos candidatos. Un, o primeiro tomo das memorias de Jordi Pujol. Recoñezo que agora este nome está case proscrito, pero non podo negar o seu talento para gañar eleccións. Nun dos capítulos da primeira parte da súa autobigrafía di que unha campaña electoral gáñase cun proxecto, un programa e coa capacidade de xerar ilusión.

Para gañar precísase xerar a ilusión suficiente que permita convencer a un señor ou señora de que te vote a ti porque es mellor que o do lado

O proxecto é o que se quere ser de maior. El sempre dixo que buscaba unha Calatuña moito máis forte e autogobernada do que existía daquela. O programa é o que se vai facer para chegar a cumprir o proxecto: é o mundo das ideas, das ocorrencias, dos slogans, das promesas, .... E por último chega a parte emotiva do asunto: para gañar precísase xerar a ilusión suficiente que permita convencer a un señor ou señora de que te vote a ti porque es mellor que o do lado. É o momento de falar do carisma, da proxémica, da oratoria, das mensaxes, da estética e todas esas cousas que analizamos os de comunicación como se nos fora a vida nelo.

Pujol falaba desde a experiencia e creo que é unha metodoloxía infalible. Se se logra combinar un proxecto claro, un programa con accións ben definidas e unha boa posta en escena, non hai nada que temer para o triunfo. É o que lle está pasando a Podemos e Ciudadanos, que independentemente do me gusto polo seu proxecto e o seu programa, non discuto nin o máis mínimo o seu éxito porque a técnica política é perfecta.

O segundo libro que me serviu para marcar un rumbo exitoso foi un ensaio de Keynes, o economista de referencia da socialdemocracia do século XX. Nun traballo magnífico do ano 1919 que se titula "As consecuencias económicas da paz", o economista analiza como se toman decisións de gran calado a partir de mitos e ideoloxías ilusorias que están a miles de quilómetros da realidade. Keynes demostra que as sancións que se impuxeron a Alemaña tras a derrota da Primeira Guerra Mundial eran imposibles de cumprir, claramente inxustas e fundamentadas máis nunha sede de vinganza que no beneficio económico ou mesmo o resarcimento da dor causada polo inimigo. O libro deixoume claro que nun proceso político é imprescindible escoitar aos outros candidatos para poder contestar ao xeito e non desprezar as cousas por vir do opoñente, senón por non ser axustadas, reais ou coherentes.

Nesta campaña vin de todo. Desde tipos interesantes ata verdadeiras barbaridades que parecían ser máis o resultado dunha noite de copas que da conversa cunha soa persoa normal e corrente. Mañá falaremos todos e supoño que gañarán os mellores aínda que foi unha mágoa que, coma case sempre, os proxectos e os programas quedaran eclipsados pola desexo irrefreable de tentar crear unha ilusión.

Comentarios