Opinión

Non é o que parece

ESTARÁN FARTOS de escoitar falar de manipulación e de mentira nos medios de comunicación, especialmente nos masivos como a televisión. Na información todo son alertas e críticas, pero compre reflexionar tamén sobre a manipulación dos sentimentos en todo o relacionado coa ficción e o entretemento.

Hai un par de días, o famoso programa de televisión Máster Chef foi noticia pola airada reacción do xurando ante o traballo dun candidato. O rapaz, que tiña 18 anos, decidiu presentar un prato, probablemente desafortunado, que causou unha reprimenda desas que se retwitean aos poucos segundos.

Puidera parecer que o mozo tivo un mal día ou que incluso houbo un erro na selección, que se non lembro mal, son catro ou cinco filtros. Sen embargo, aquí usáronse estratexias, vellas coñecidas, dos produtores televisivos que buscan aumentar a audiencia a base de extravagancias. Algunhas delas son crueis, como esta da que falamos, e iso é malo para unha sociedade.

Aquí usáronse estratexias, vellas coñecidas, dos produtores televisivos que buscan aumentar a audiencia a base de extravagancias

Estou seguro que vostedes lembran o caso de Susan Boile, unha concursante británica do equivalente ao "Tú sí que vales" en España. A súa selección no programa seguía os patróns propios de Cenicienta, unha muller que naceu con mala sorte e só a súa bondade fixo comprender a todos que non era tan horrible como puidera parecer. O mesmo se falamos de Pol Pots, no mesmo programa, ou da galega Loli que recibiu unha reprimenda apoteósica de Risto Meijide antes de que cantara, aínda que logo se transformou nunha ovación pola súa voz. E xa non falemos dos "Cañita Brava" de turno ou dos personaxes dos "Gran Hermano".

Todo este tipo de cousas son vellos trucos da oratoria e da narrativa teatral e audiovisual. Introducir a un personaxe "tonto" nun proceso de entretemento é un recurso que existe desde a noite dos tempos e busca a mofa e a risa. Pódese facer ben, coma Plauto nas comedias romanas, ou mal, como en Máster Chef.

En calquera caso, resulta especialmente cruel traballar con elementos de ficción tan ácidos cando os protagonistas son persoas e non personaxes. Está claro que as audiencias seguen gozando con este tipo de estratexias. Simplemente basta ver a cantidade de comentarios, críticas e aplausos que se xeraron a partir da emisión do programa. Algúns consideraban que era un bo exemplo de esixencia que se lle debe aplicar aos colaboradores, compañeiros e fillos. Outros apelaban á insensibilidade dun xurado cruel co máis débil. Coido que todos teñen razón pero non esquezamos que isto é unha carnavalada e estou seguro que a idea de moralidade que lle estamos dando nunca estivo no maxín nin dos produtores, nin dos xurados nin de ninguén que artellou todo este circo.

Espero que o programa volva ser un par de horas de televisión para que todos o pasemos ben, sen pretender ir máis alá. De momento non ían mal de todo, pero con cousas coma esta é difícil escapar daqueles conceptos tan manidos nos anos 2000 como o de telelixo.

Comentarios