Blog |

Outro partido do século

HAI ASPECTOS da neolinguaxe do xornalismo deportivo que me producen arrepíos. Os clásicos e partidos do século que se xogan cada media hora. A moda horrísona de chamarlles "perlitas" aos xogadores da canteira. O feito de que en certos medios que se autonomean "nacionais" sexa máis sinxelo consultar a xornada na Bundesliga ou na Premier có resultado dun Alcorcón-Leganés xogado a ben poucos quilómetros de Chamartín.
 
Poucos partidos máis importantes na tempada có que enfrontará este sábado nos Nuevos Campos de Sport de El Sardinero ao Racing de Santander e ao Club Deportivo Lugo. Dun lado, un histórico do honrado fútbol de peloteiros do norte en horas baixas, por non dicir cun pé e medio no inferno das Sociedades Anónimas Deportivas. Pola outra, un club que enceta unha etapa de incertidume accionarial e deportiva logo de acadar un logro tan modesto como sumar tres tempadas consecutivas en Segunda División.
 
Diante da tele, unha cántabra expatriada que xura polos bigotes de Zygmantovich e que volveu vivir o fútbol desafiando a cistite no Anfield Carro, mentres a torçida berra: "Isto é Lugo e aquí hai que sachar". Este Lugo merece xogar sequera unha promoción a Primeira. Para o Racing de Sañudo, Pinillos, Munitis e Colsa, o descenso precipitaría a catástrofe.
 
Que si, que só é fútbol e que o conto é non mancarse. 

Comentarios