Opinión

'March Madness'

O MARCH MADNESS é a maior orxía baloncestística do planeta: as 64 mellores universidades loitando por chegar á Final Four da NCAA durante un mes de triplos, mates e... vasectomías. Si, vasectomías. Porque na 'loucura de marzo' as clínicas ianquis rebordan de homes entolecidos por ligárense os condutos deferentes. Ten explicación. A clave é o período de repouso, como aclara a clínica Virginia Urology no seu reclamo: "Pasa tres días no sofá vendo baloncesto coa aprobación da túa muller". Galicia tamén viviu o seu particular March Madness, pero a orxía non foi de canastras, senón de inauguracións pola precampaña, que rematou este luns. Din que ata houbo quen pediu cita no 'capador' para evitar que a 'parenta' o amolase con inoportunos requirimentos de alcoba mentres no parte daban as últimas novidades sobre rotondas, depuradoras e pistas acabadiñas de asfaltar.

Comentarios