Opinión

A xente o que dirá é que se desencanta

SEMANA QUE pasa, semana que supón perda de votos para Podemos. Non nego a súa importancia como revulsivo na política española, o éxito incuestionable que supón pasar de non existir a contar con 5 eurodeputados e 15 no parlamento andaluz, e, por suposto, o asentamento tan espectacular que con toda probabilidade se comprobará nas eleccións xerais onde podería sachar arredor do 17 ou 18% dos votos. Pero iso non invalida a miña tese inicial: estase desinchando. As razóns son fundamentalmente dúas: a desapiada crítica á que o están sometendo o partidos rivais e os medios de comunicación achegados (como debe ser) e os propios erros dunha organización tan ampla e transversal, ambigua e carente de experiencia.

Que os rivais e medios afines lle mirarían bolso, amizades e proxecto con lupa estaba cantado. Que agardaban? Así é nas democracias e así debe ser para todos. O xogo equilíbrase así: ti contrólasme a min, eu contrólote a ti. Non entendo aínda como puideron pensar que non lles escaravellarían en cada conta, traballo realizado, céntimo investido. Lóxico. Quen se mete na pelexa do barro político sabe que ou se lava a diario ou nalgún momento o pillarán con lama nos zapatos. Certa inxenuidade demostraron algúns dirixentes do novo partido ao non contar con que lles mirarían no forro dos calzóns e que deberían lavalos a cada día. Máis, arrebolando como idea forte da súa mensaxe o contraste da limpeza contra o lixo.

Mais non só as contradicións de pureza incorrupta - incorrupto só queda o brazo de Santa Teresa- danaron o brillo da forza que parecía imparable. Outros partidos levan anos remando nas onda da política e saben atacar os puntos débiles do contrario. E así debe ser. E todos, ao se ver tan ameazados, despregaron as súas baterías de crítica afiada para poñer a proba a fortaleza das ideas e propostas dos rexeneradores. E foi aquí onde axiña se viu que, fóra tres slogans fáciles de aceptar por descontentos e maltratados pola crise, frustrados e cansos de partidos reincidentes en idénticos erros, non se ofrecían grandes propostas realizables que seducisen como se esperaba. Dar o salto da crítica á proposta positiva, do diagnóstico ao tratamento, esixe moito máis que boa vontade e ganas de xustiza social. Os descontentos que pensan necesitan propostas realistas cribles, contrastadas, e aí saltaron as primeiras alarmas. Porque o desinchado non vén só pola acción das forzas externas que premen nas regañas do partido nacente, senón sobre todo da propia incoherencia ou febleza interna.

O cidadán, necesitado como estaba - está- de que algunha forza ofreza renovación e aires novos, foi suficientemente paciente para agardar polas propostas dos entusiastas dirixentes de Podemos. Pero todo ten un límite. E os seus límites márconos a ambigüidade e indefinición resumidos na recorrida saída de: “lo dirá la gente”. A xente di moitas cousas. Porque ten diferentes intereses. Por iso a conciliación de tales intereses esixe a proposta concentrada, elaborada, articulada dun partido que pretende achegarse aos intereses da maioría das persoas. E si, é loable o intento de achegar as decisións canto máis se poda á representación directa, á consulta dos cidadáns, pero sen esquecer que as liñas fundamentais deben estar previamente fixadas, a xente cansa, para algo deposita nos políticos a esperanza de que se encarguen de pelexar polos seus intereses. Se diante de cada dilema, cada decisión importante e cada alternativa crucial a resposta é sempre que se lle preguntará á xente, a xente entende non que se lle está dando poder, senón que os utilizan de escusa por carecer dunha opinión fundada e firme, incluso en contra de bastante xente, que os bos políticos defenden e de maneira pedagóxica explican ao cidadán. Esa novidade de atraer facendo crer que todos terían participación directa está resultando letal en Podemos. Moitos cidadáns nin queren participar, outros que si queren non se senten realmente recoñecidos, e o que prometía ser unha liña de decisión directa, convértese nunha mala asemblea na que ao final os catro líderes deciden pola maioría baixo o engano de que recollen a opinión maioritaria.

Un caso evidente de que “lo que diga la gente” é un conto chino ou venezolano é a incapacidade para aclarar esa amizade perigosa co estilo de goberno de Maduro. Que non se chamen a engano: por pouco madura que estea a democracia española, pensar a estas alturas que o cidadán medio non está ao cabo da rúa do que aconteceu en Cuba e do que está a acontecer en Venezuela é pouco intelixente. Mentres non sexan quen a distanciarse desa amizade perigosa e non aniquilen toda sospeita de que algúns dos métodos alí utilizados serían plan para aplicar aquí, o desinche será progresivo. Se Podemos non quere chegar derregado, case exhausto, ás eleccións xerais, haberá de ser claro na política territorial, nas decisións económicas máis inmediatas e clarificar as súas amizades. Como sigan recorrendo a “lo dirá la gente”, a xente dirá que se vai desencantando do seu engado.

Comentarios