Opinión

Renegan dos grandes datos

ESMÉRASE O GOBERNO en destacar a bonanza dos datos macroeconómicos o mesmo que a oposición se afana en incidir que iso non se nota nos microeconómicos, nos que afectan á economía doméstica. E os cidadáns quédanse como estaban porque non saben a quen darlle a razón, cando realmente a teñen as dúas posicións. Para entendernos, o problema reside na distribución da riqueza, o reparto polo que o 1 por cento máis rico da poboación acumula tanto coma o 70 por cento máis pobre. Porque coma no conto dos polos, aínda que haxa catro e outras tantas persoas entren no reparto unha delas pode quedar sen comer, e neste país aínda hai ben xente á que non lle toca nin un zanco dos catro pitos. Certo que en boa lóxica os datos macro deben afectar aos micro, pero quen non note melloría, que é multitude (desafiuzados, parados, empregados con rebaixa de soldo), renegará das grandes cifras.

Comentarios